Betanzos recupera cifras de pre-pandemia en Turismo onde o 80% das visitas son de orixe nacional

299

Betanzos volveu recuperar as cifras de visitas turísticas que xa rexistraba antes da pandemia. Turismo deu a coñecer os datos deste último trimetre nos que se reflicte “que foi un moi bo verán, con presenza de turistas, especialmente, de territorio nacional en máis dun 80% do total e que confirma a Betanzos como lugar de referencia en Galicia e no roteiro xacobeo”, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, quein destacou a importancia que os datos de Turismo teñen para a economía local.

 

“Os datos, ademais, sinalan o interese, porque así o trasladan tamén os propios turistas na oficina municipal, que hai por coñecer Betanzos. Sabemos que dispoñemos dunha oferta hostaleira limitada en canto a número de camas, pero sabemos que as cifras nese sector foron tamén moi boas. E a maiores, sabemos que a pesar de non aloxarse en Betanzos, as persoas que elixen Galicia para as súas vacacións contemplan, nun número moi importante, unha visita a Betanzos ou pasar o día enteiro na nosa cidade”, indica a primeira edil.

É por iso, que o goberno local “ten que seguir potenciando esta promoción, e xa non só en Fitur senón noutras feiras, agora que, despois de anos complicados, o sector comeza a recuperarse. Tiñamos previsto estar noutras feiras nacionais pero ese programa non puido desenvolverse pola pandemia. Agora trataremos de recuperalo cunha maior presenza, acentuando o traballo en Fitur que, evidentemente, para nós é unha magnífica proxección a través de tourperadores e axencias para a difusión de todo o que Betanzos pode ofrecer”.

Por comunidades autónomas a maior presenza de turistas son orixinarios de Madrid, cun 30% seguido de Andalucia, Cataluña, Valencia, Aragón e País Vasco, aínda que, hai presenza de todas as comunidades de España. En canto ao turismo interior, Pontevedra é a provincia que máis persoas despraza a Betanzos, con máis do 50% dos galegos que visitaron a cidade, por encima da provincia da Coruña; en segunda posición, Ourense e Lugo.

O Camiño Inglés é outro dos aspectos que sitúan Betanzos como un lugar referente. De feito, tanto o mes de xullo como de agosto só o roteiro motivou a visita a Betanzos de case 4.500 persoas que se rexistraron na Oficina de Turismo.

En canto a turismo estranxeiro, Reino Unido e Italia son os países de maior procedencia dos turistas que se pasaron este verán por Betanzos.