Betanzos ultima os programas da Feira Medieval e as festas de agosto nas que volverán Os Caneiros e o Globo

71
Torneo medieval

Volverá a Feira Medieval, as festas de agosto e outras actividades referentes de Betanzos como o BetanJazz ou a Semana de Cinema, entre outras. Tras dous anos nas que non houbo celebracións pola pandemia, o Concello acaba de confirmar a celebración das súas citas importantes de verán e que “converten sempre a Betanzos nun referente na nosa comunidade”, explicou a alcaldesa, María Barral. A primeira edil indicou que nestes últimos meses fóronse pechando “distintas cuestións dos programas” especialmente actuacións de cara ás festas de agosto posto que “eses primeiros contactos hai que facelos con tempo suficiente por temas de contratacións aínda sen saber de certo se as festas se poderían celebrar con normalidade ou non”.

Neste sentido, o programa de agosto está “practicamente pechado” canto aos concertos se refire “aínda que, por ser precavidos e por cuestión de acordos de confidencialidade cos artistas” aínda non se pode facer público. O que si anticipou a alcaldesa é o “nivel dos concertos” e que “as mellores orquestras galegas estarán este ano en Betanzos”. Ademais, destacou a celebración e recuperación do lanzamento do Globo “que para calquera betanceiro, polo que representa, ten un significado moi especial. Reflicte, precisamente, a volta á normalidade”.

Este ano, ademais, será o primeiro ano que o Globo sexa elaborado baixo o amparo da nova Fundación Globo de Betanzos, un ente creado, precisamente, para non perder “esta centenaria tradición e perdure no tempo coas características propias do primeiro Globo, que ano tras ano mantivo viva a familia Pita”, indicou a alcaldesa. Xunto ao Globo, outro dos atractivos serán as dúas xiras aos Caneiros, “para as que estamos a deseñar un dispositivo especial de seguridade. Se xa antes da pandemia eran citas nas que había que ter un especial coidado en canto a seguridade, coidamos que este ano, coas ganas que hai de romaría, agardamos unha importante afluencia polo que teremos que reforzar a seguridade e facer máis fincapé que nunca na necesidade de que respectar as recomendacións nese aspecto”.

María Barral lembrou que antes das festas de agosto, que se desenvolverán entre o 14 e o 25, terá lugar a outra gran cita do verán coa Feira Medieval, a segunda fin de semana de xullo. “Recuperaremos a representación das escenas máis icónicas da feira, e que son insubstituíbles porque representan a nosa historia. Este ano estamos a percibir un interese, mesmo maior que en edicións anteriores á pandemia para poder participar, mais o espazo é o que é e, por seguridade, non podemos ampliar a máis rúas”.

A alcaldesa indicou que ademais das festas e a feira Betanzos volverá a protagonizar outras actividades que o colocan como referente do verán galego. “Volverán o certame de BetanJazz, a música na rúa con “Vai de rúa”, o festival O Pasatempo, o cinema ao aire libre e a Semana de Cinema, competicións deportivas, as viaxes da embarcación municipal polo Mandeo”. En definitiva, volverá o verán betanceiro no que ofreceremos todo iso xunto a todo o que ten Betanzos, que é moito, a súa historia, o seu comercio e a súa gastronomía

Inscrición para cabezudos e paxes para as festas

Por outra banda, o próximo día 7 abrirase o prazo para que os nenos e as nenas, empadroadas en Betanzos, que queiran participar nas festas (días 14, 15 e 16) facendo de paxes ou portando cabezudos poidan facelo. Poderán anotarse do 7 ao 14 deste mes na conserxaría do Liceo, en horario de mañá ou de tarde. No caso de que houbese máis nenos e nenas anotadas que prazas para cubrir paxes e cabezudos realizarase un sorteo o día 16.

Para o grupo de paxes, as nenas e os nenos deben contar con idades de seis ou sete anos, mentres que para os cabezudos entre 12 e 13 anos.