Betanzos rescindirá o contrato coa empresa redactora do Plan Especial de Protección do Centro histórico polos atrasos acumulados.

253

O Concello rescindirá o contrato coa empresa redactora do Plan de Protección Especial do Centro histórico polo atraso na entrega dos traballos, o incumpliento dos pregos, entre outras cousas polo persoal asignado ao contrato; e que o documento entregado non cumpre as esixencias mínimas legais da normativa autonómica. Por tanto, segundo os técnicos municipais,  “o documento presentado é equiparable á inexistencia do mesmo”.

A xunta de goberno aprobará mañá a rescisión en base a estes informes xurídicos e técnicos nos que se reflicte unha serie de incumprimentos contractuais que conclúen nesa “proposta de rescisión” de contrato despois de que tampouco houbese acordo coa empresa adxudicataria para unha posible cesión do mesmo a outra consultora que puidese desenvolver en tempo e forma os traballos. A empresa adxudicataria terá, unha vez notificada, dez días para presentar alegacións.

En paralelo á rescisión dos traballos, tramitarase por vía de urxencia unha nova contratación, mantendo conversacións coa Xunta, xa que é a entidade que subvenciona a súa elaboración. O Concello xa ten confeccionados os novos pregos que non incluirán todos os traballos que se pedían no anterior porque “algúns documentos si valen e xa foron abonados á empresa” .

Informes xurídicos

Nos informes de proposta de rescisión, indícase que a empresa adxudicataria incumpriu as normas técnicas de plan de Galicia; e ademais non achegou durante o tempo de adxudicación (contratouse en decembro de 2019) os arquivos vectoriais adaptados ás normas, incorporando técnicos á redacción do documento sen autorización do Concello e, por tanto, incumprindo condicións do contrato.

Os técnicos municipais advirten tamén que non se achegaron megadatos esixidos e que a empresa incumpriu a presenza mínima esixida no Concello o que retardou as entregas e a calidade do traballo. Outros dos incumprimentos que levan ao Concello a rescindir o contrato céntranse na páxina web que tería que realizar a empresa e que aínda non está desenvolvida ou que non houbese un proceso de participación cidadá que está ofertado na súa proposta e que tampouco levou a cabo do mesmo xeito que a  actualización da simboloxía e a cartografía para realizar o documento.

A decisión tomouse despois de tentar por varias vías que “houbese un avance nos traballos, ante o atraso acumulado”, algo que non foi posible, máis cando se trata dun documento “ao que desde o Concello démoslle máxima prioridade pola importancia que ten para a revitalización do centro histórico”, apunta o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida. Este Plan  Especial tería que substituír ao actual Pepoch, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña en sesión de 2/12/1992.

Con este novo plan especial pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles, xunto a outra serie de accións que estamos a impulsar, por iso é polo que non se poida quedar atrás e que se necesario dispoñer deste documento en paralelo a esas actuacións e ao Plan Xeral de Urbanismo que está tamén moi avanzado”.

O obxectivo, indicou, pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos un xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar”.  Para a contratación deste documento o Concello contou cunha achega duns 150.000 euros da Consellería de Medio Ambiente tras a firma dun convenio entre as dúas administracións.