Betanzos saca a licitación os postos do mercado municipal de forma individual para dar máis opcións a posibles  profesionais interesados.

597
O Concello acaba de sacar a licitación a concesión dos postos do Mercado Municipal. A diferenza da anterior convocatoria, que quedou deserta, os interesados poderán optar a cada un dos postos, de forma individual, en lugar de ter que optar á xestión de todos os ofertados.

 

Con este cambio de formato, o Concello abre as posibilidades a que profesionais poidan presentar as súas ofertas para ocupar un dos dez postos que se sacan a concesión por un período de 10 anos. Destes dez, catro estarán ocupados por produtos de proximidade: peixaría, carnicería, frutería e panadería.

 

O resto estarán destinados a hostalería variada. Haberá dous postos, de maiores dimensións que o resto, un na planta baixa e outro na máis elevada (segunda planta). O da baixa foi ampliado nesta segunda convocatoria. Estes dous serán os que conten cun canon mínimo máis elevado, de 1.533  euros anuais, é dicir, preto de 130 euros ao mes. Os postos destinados a produto de proximidade terán un canon anual mínimo de 216,96 euros, para peixaría e frutería, de acordo á ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos no mercado municipal. O resto dos postos (6) terán un prezo mínimo de 766 euros anuais.

 

O prego recolle tamén unha posible prórroga de dous anos aos concesionarios. O prazo para presentar as ofertas é de dous meses desde a publicación no BOP.  Entre os criterios para a adxudicación, os aspirantes terán que presentar unha memoria técnica, na que expliquen o plan de xestión do negocio, unha proposta gastronómica e posibles melloras. Esta parte terá un valor total no concurso dun máximo de 30 puntos.

 

A oferta económica, incluíndo a adhesión á marca Reserva da Biosfera Mariñas Coruñeses e Terras do Mandeo, terá como máximo 70 puntos.

 

O conxunto dos concesionarios, segundo recollen as mesmas bases, deberán constituírse, no prazo máximo dun mes desde a adxudicación, nunha asociación para poder levar a cabo acciones conxuntas como a limpeza do mercado, a dinamización das instalacións en canto a oferta cultural e musical, e presentar unha louza común para todos os postos e unha vestimenta de persoal con imaxe de marca.

 

A futura asociación deberá manter unha web do mercado municipal e contratar a unha empresa de envíos para dar servizo a domicilio. A estes servizos poderán adherirse comerciantes do centro histórico co participando nos custos de mantemento.