A Escola Municipal de Folclore de Betanzos (EMuF) celebrou o pasado sábado 9 de maio o Festival Letras Galegas 2026, baixo o título “Portadores da memoria. O papel de Coros e Danzas”, nun acto que reuniu numeroso público na Aula de Cultura Xulio Cuns do Edificio Arquivo.
O festival, incluído na Axenda Cultural de Betanzos, converteuse nunha emotiva homenaxe ao papel fundamental que as agrupacións tradicionais desempeñaron e continúan desempeñando na conservación e transmisión da cultura popular galega.
Sobre o escenario participaron alumnado de baile, pandeireta e canto tradicional da EMuF, así como agrupacións instrumentais, ofrecendo un espectáculo cheo de sentimento, tradición e memoria colectiva.
A resposta do público foi extraordinaria, enchendo o recinto e acompañando con calorosos aplausos cada unha das actuacións. O ambiente vivido durante toda a tarde reflectiu o arraigamento e o interese que o folclore tradicional segue espertando en Betanzos.
O acto contou ademais coa asistencia da alcaldesa de Betanzos, María Barral, e da concelleira de Cultura, Ana Veiga, quen felicitaron á Escola Municipal de Folclore polo traballo desenvolvido a prol da conservación e difusión do patrimonio cultural galego.
A galería fotográfica que acompaña esta publicación recolle algúns dos momentos máis destacados dunha xornada moi especial, marcada pola emoción, a participación e o orgullo polas nosas tradicións.











