O Concello saca a contratación un novo servizo público de bicicletas eléctricas.

366

O Concello vén de sacar a contratación o novo servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas, unha actuación incluída dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Casco Histórico de Betanzos”, enmarcada no eixe de mellora da eficiencia enerxética. O contrato contempla a subministración de bicicletas eléctricas, estacións de recarga e estacionamento —incluíndo a súa instalación— así como un sistema intelixente de xestión para a posta en marcha do futuro servizo municipal de mobilidade sustentable.

O investimento previsto ascende a 50.993 euros (IVE incluído) e permitirá dotar ao municipio dunha infraestrutura moderna e eficiente orientada tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. O proxecto prevé inicialmente a incorporación dun mínimo de seis bicicletas eléctricas de uso compartido, deseñadas especificamente para contornos urbanos e preparadas para un uso intensivo. As bicicletas contarán con sistemas de asistencia ao pedaleo, xeolocalización, bloqueo electrónico, iluminación integrada e tecnoloxía de monitorización en tempo real.

Así mesmo, instalaranse cando menos dúas estacións de recarga e estacionamento, con capacidade mínima para seis bicicletas cada unha, que estarán situadas inicialmente no Parque da Travesa e na Praza dos Irmáns García Naveira, aínda que a súa localización definitiva concretarase atendendo a criterios de accesibilidade, seguridade e conectividade urbana.

O novo servizo permitirá conectar distintos puntos do Casco Histórico con outros espazos do municipio, prestando especial atención aos percorridos vinculados ás rutas temáticas e aos recursos turísticos de Betanzos.

Entre os principais obxectivos desta actuación destacan a promoción da mobilidade sustentable e saudable, a redución do uso de vehículos a motor, a mellora da dixitalización dos servizos turísticos e a creación dunha oferta experiencial innovadora e desestacionalizadora.

Con esta iniciativa, o Concello busca avanzar na implantación de modelos de mobilidade respectuosos co medio ambiente, favorecendo ademais a redistribución dos fluxos turísticos e potenciando o coñecemento do conxunto do territorio municipal durante todo o ano.

O sistema contará con tecnoloxía de xestión intelixente que permitirá coñecer en tempo real a dispoñibilidade de bicicletas, o estado de carga das baterías e a operatividade das estacións, facilitando unha experiencia cómoda, segura e eficiente para as persoas usuarias.