O pleno da corporación municipal aprobou provisionalmente o pasado luns 18 de maio, o Plan Xeral de Ordenación Municipal no que se propón o modelo de cidade das próximas décadas: sostible, humano, dinámico e adaptado á realidade do século XXI.
O PXOM chega despois de máis de 30 anos de vixencia das Normas Subsidiarias de 1996. Trinta anos nos que Betanzos mudou profundamente: mudou a realidade social, económica, ambiental, patrimonial e urbana. Mudou tamén a normativa urbanística, polo que é “imprescindible dotar á cidade dun instrumento moderno, actualizado e plenamente adaptado á Lei do Solo de Galicia 2/2016”.
A alcaldesa, María Barral, explicou que este PXOM é, seguramente, unha das decisións máis importantes que pode adoptar unha corporación municipal, “un bo plan que define como queremos que sexa Betanzos dentro de vinte ou trinta anos. Un plan que protexe o Casco Histórico, declarado Ben de Interese Cultural; que aposta pola rehabilitación; que garante vivenda accesible; que multiplica os espazos verdes; que reforza os servizos públicos; que impulsa a economía e que preserva o noso patrimonio natural. Pero sobre todo, pensado para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, i
Reafirmou que é unha aposta da Corporación, e unha responsabilidade dos grupos políticos “porque este PXOM non pertence a un goberno concreto. Este PXOM pertence ao futuro de Betanzos”.
A redacción e tramitación do PXOM foi longa e moi complexa. O contrato para a súa elaboración asinouse o 19 de marzo de 2018. Desde ese momento comenzou un traballo técnico e administrativo de enorme dificultade. Un dos primeiros fitos foi o trámite ambiental e a obtención do documento de alcance, o 18 de decembro de 2019.
Posteriormente chegou a aprobación inicial, o 15 de setembro de 2021, abrindo un período de información pública durante dous meses. Foi un proceso transparente e aberto á cidadanía, cunha exposición pública apoiada tecnicamente e cun visor interactivo na web municipal para facilitar a consulta do documento.
Durante esa fase solicitáronse 21 informes sectoriais, todos eles favorables o que fala do rigor do documento e do enorme traballo realizado. Houbo informes especialmente complexos e determinantes, como os tres informes de Cultura, os tres de Augas de Galicia, o informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para a adecuación ao documento de alcance, así como os informes dos concellos limítrofes, entre eles Bergondo e Abegondo.
É un plan no que destaca tamén a participación cidadá. Presentáronse un total de 707 alegacións. Delas, aproximadamente o 95% estaban relacionadas con cuestións de clasificación e cualificación do solo, ordenanzas e aliñacións viarias; un 3% correspondían a cuestións normativas e outros documentos, e un 2% non tiñan a consideración técnica de alegación.
O resultado do informe técnico evidencia a vontade de escoita e mellora continua do Concello e do equipo redactor: o 51% das alegacións foron aceptadas total ou parcialmente, o 47% non foron aceptadas e o 2% restante non eran alegacións. Todos os aspectos estimados incorporáronse ao documento aprobado inicialmente, igual que as cuestións formuladas nos informes sectoriais.
En maio de 2024 elaborouse o documento refundido para a Declaración Ambiental Estratéxica, que resultou ambientalmente viable. O documento que agora se somete á aprobación provisional incorpora ademais os axustes introducidos pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.
O Plan Xeral ten uns obxectivos moi claros: modernizar o instrumento de planeamento urbanístico tras tres décadas de vixencia das Normas Subsidiarias, consolidar Betanzos como nodo estratéxico da Área Urbana Ártabra e reforzar o seu papel como capital comarcal; mellorar as infraestruturas e a conectividade no ámbito comarcal e rexional; completar a trama urbana da cidade e reforzar o sistema dotacional, identificando tamén núcleos urbanos intermedios como Montellos e Infest; fortalecer a estrutura dos núcleos rurais, adaptando os 34 núcleos á lexislación de 2016; e potenciar a compoñente ambiental e patrimonial do municipio, protexendo o noso patrimonio histórico, o Camiño Inglés, os núcleos tradicionais, a Rede Natura, a Reserva da Biosfera e un catálogo patrimonial exhaustivo.
O 77% do termo municipal queda clasificado como solo rústico protexido, especialmente debido as zonas de protección por inundación. Isto demostra que estamos ante un plan que aposta polo equilibrio entre crecemento e protección.
As previsións demográficas indican que Betanzos pode alcanzar os 15.642 habitantes no horizonte de 2040. En 2019 o municipio contaba con 12.959 habitantes segundo o IGE e en 2025 xa alcanza os 13.508.
Para responder a esa evolución, o plan prevé unha capacidade residencial importante e ordenada. En solo urbano consolidado estímase unha capacidade para 1.132 vivendas na cidade, incorporando ademais unha estratexia clara para mobilizar a vivenda baleira.
Para iso preténdese facilitar a ocupación dunhas 450 vivendas baleiras e impulsar a rehabilitación do Casco Histórico. No solo urbano non consolidado prevese unha capacidade para 808 vivendas, distribuídas en sete polígonos, entre eles Carregal, O Rollo, O Frade e Infesta. En solo urbanizable proxéctanse outras 125 vivendas nun único sector.
En total, o plan programa arredor de 2.065 vivendas, ás que hai que sumar aproximadamente 1.000 vivendas en núcleos rurais, acadando unha capacidade total próxima ás 3.065 vivendas. Agora mesmo Betanzos conta con unhas 5.500 vivendas.
O Plan favorecerá tamén garantir acceso á vivenda. Por iso o PXOM reserva o 30% da edificabilidade residencial para vivenda protexida nas novas promocións. Contempla arredor de 300 vivendas de protección oficial, tanto a través das novas promocións como mediante parcelas municipais en ámbitos como O Carregal e A Feira Nova.
En solo urbano reservaríanse 20.876 metros cadrados para 256 vivendas protexidas e en solo urbanizable outros 3.553 metros cadrados para outras 45 vivendas.
O modelo urbano que propón este PXOM aposta claramente pola cidade compacta e sostible, evitando a dispersión urbanística e priorizando a consolidación do solo urbano xa existente.
Outro dos grandes piares deste PXOM é a aposta histórica polas dotacións públicas. O benestar da cidadanía depende da calidade dos servizos públicos e por iso o Plan realiza un esforzo sen precedentes nas reservas dotacionais.
Incrementa significativamente o solo reservado para uso público e proxecta novos espazos administrativos, sociais e culturais que suman un total de 24.745 metros cadrados de sistema xeral. Entre as actuacións máis destacadas figuran a reserva do antigo edificio de sindicatos para equipamento múltiple, as parcelas municipais de Bella Vista ou os terreos da zona do Frade con destino preferente a equipamentos asistenciais para persoas maiores.
En materia de servizos técnicos, o Plan garante o metabolismo urbano e a capacidade d abastecemento futuro. Prevese ampliar a captación de augas para a ETAP, pasando de 75,8 a 121 litros por segundo, así como a creación dun novo depósito de auga de 2.000 metros cúbicos para asegurar o subministro a toda a poboación.
O PXOM tamén aposta por mellorar a mobilidade e a conectividade da cidade. Proxéctase un novo punto de conexión entre as dúas marxes do río Mendo mediante a prolongación desde a Rúa do Frade ata a rúa Francisco Aguiar cun novo ponte.
Ao mesmo tempo refórzase a posición estratéxica de Betanzos como nodo loxístico, aproveitando as conexións coa A-6 e a AP-9. Pero ademais de pensar nos vehículos, pensa nas persoas. Por iso o Plan define un Sistema Ambiental Urbano con itinerarios peonís e ciclistas que aproveitan os paseos fluviais existentes e crean novas conexións transversais, como a pasarela do Coto ou a da zona de Eroski.
A sustentabilidade ocupa un lugar central neste PXOM. Falamos dunha cidade integrada co seu contorno natural e fluvial. O Plan propón a continuidade e ampliación dos paseos fluviais e parques asociados aos ríos Mendo e Mandeo, a implantación dun parque deportivo nas Minas de Tiobre, a integración dunha nova zona verde na ladeira oeste da cidade, na Madalena, así como un novo parque no ámbito da Rúa do Rollo.
Ademais, o Paseo do Malecón ampliarase mediante novos espazos verdes e tamices vexetais que mellorarán a integración paisaxística e actuarán tamén como protección fronte ao risco de inundación.
O Plan protexe tamén os corredores ecolóxicos vinculados á Rede Natura 2000, á Ría de Betanzos, ao Encoro de Cecebre e á Reserva da Biosfera.
En total, en materia dotacional, establece un total de 270.042 metros cadrados de zonas verdes —dos que 198.967 son propostos no novo plan e 76.873 existentes—, alcanzando 16,3 metros cadrados por habitante, 10 máis dos que hai agora por persoa.
En equipamentos, o total ascende a 185.364 metros cadrados, dos que 8.597 son de nova proposta e 176.767 xa existentes.
En conxunto, o sistema dotacional previsto supera os 455.400 metros cadrados, é decir, o 2% da superfie do concello, que ainda que parece que non é un dato relevante, sería máis ou menos para visualizalo, como ter 65 campos de fútbol, un ao lado doutro.
Outro aspecto importante deste documento é a dinamización económica. Betanzos necesita fortalecer o seu papel como capital comarcal e iso require tamén fortalecer a economía e o emprego. O PXOM consolida e mellora a estrutura do polígono de Piadela, reforzando o seu papel como motor económico da comarca e resolvendo un problema que nos afecta dende fai anos que é a da conexión das dúas zonas industriais do polígono.
Ademais delimítanse novos sectores de actividade no Carregal, con máis de 55.000 metros cadrados destinados á transformación e diversificación de usos, fomentando actividades terciarias e comerciais xeradoras de emprego.
O Plan incorpora tamén diferentes plans especiais de desenvolvemento e protección: o do Casco Histórico, o do contorno portuario, o ferroviario, o ámbito Ponte Vella-Os Remedios, o Rego de Caraña, Talai e Infesta.











