Betanzos convoca as subvencións a entidades que este ano incorpora unha línea de axudas para comisións de festas.

676

O Concello abriu o prazo para solicitar as diferentes axudas en concorrencia competitiva por parte das entidades deportivas, sociais, culturais, asociacións de veciños e comisións de festas. Poderán presentar as solicitudes ata o 7 de agosto na sede electrónica do Concello de Betanzos ou premando aquí

Con esta convocatoria o goberno local reafirma, en palabras da alcaldesa María Barral, “o seu compromiso con todas as entidades locais, ofertando un ano más diferentes liñas de axudas en concorrencia competitiva, pulindo diferentes aspectos respecto a anteriores convocatorias”.

En canto á liña destinada a entidades deportivas, esta ve aumentada a partida total en 8.000 euros respecto da anterior convocatoria. A liña de entidades culturais tamén aumenta a súa partida subindo ata os 15.000 euros. Ademáis, créanse novas liñas de axudas como as das comisións de festas das parroquias e mantéñense outras tan importantes como as de servizos sociais.

O prazo de presentación de solicitudes vese ampliado respecto da convocatoria anterior, sendo de 15 días hábiles para a formalización das mesmas, dando así máis tempo para presentar a documentación.  Isto, unido á prontitude da convocatoria, fará que o proceso xeral das axudas de concorrencia competitiva do Concello  sexa máis axeitado tanto para as entidades solicitantes como para o propio Concello á hora de resolvelas en tempo e forma logo da celebración da comisión de valoración das diferentes liñas de axudas.

O Concello tamén promove  subvencións nominativas a entidades como ACEBE, CONCILIA E CIEC, que un ano máis seguirán contando con esta axuda municipal.  Ademais, ofertará axudas á vivenda, a través do POS de servizos sociais que o concello utiliza para tal fin.

Toda esta información foi remitida nos diferentes Consellos Municipais de Deporte e Cultura, onde todas as entidades puideron escoitar de primeira man os detalles sobre as devanditas convocatorias. Igualmente, o Concello estará a disposición de cada unha delas se fose precisa axuda de calquera tipo.

O tecido deportivo, cultural e social “merece verse respaldado institucionalmente e cada ano intentamos mellorar  as liñas de axudas,para adaptalas o máximo posible á realidade betanceira”, indicou a primeira edil.