María Barral anuncia no Pleno infantil que o Concello construirá un parque de skate na zona do Carregal

605

A Covid truncou este ano a tradicional celebración do pleno infantil que organiza o Concello coincidindo co Día da Constitución. A diferenza de edicións pasadas nas que o alumnado de sexto de Primaria elixían ao “alumnado concelleiro” tanto do colexio Vales Villamarín como do colexio de Atocha que lles representaban no Pleno, este ano foi a alcaldesa, María Barral, a que se desprazou ás distintas aulas de sexto de Primaria para participar nunha xornada  “diferente”co alumnado. A xornada realizouse no Vales Villamarín e o próximo mes de xaneiro no colexio de Atocha.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o alumnado preparou unha serie de propostas de ámbito xeral e local que lle trasladaron á alcaldesa. Ademais, este ano tivo a particularidade de que María Barral explicase, con respecto ás preguntas dos propio estudantado, o funcionamento da Administración e participase con eles nunha quenda de preguntas que se centraron, nunha gran parte, en vivencias  persoais da alcaldesa vinculados á política.

Unha das preocupacións foi a Covid. As medidas adoptadas polo Concello para loitar contra a pandemia centraron parte do debate así como, aproveitando a presenza da primeira edil, trasladarlle a súa preocupación porque se poida contar canto antes cunha vacina. Cando vai haber  vacina ou ata cando imos ter que levar máscara, foron algunhas das preguntas que lle trasladaron á alcaldesa.

Canto a temas máis locais, o alumnado volveu insistir na recuperación do parque do Pasatempo, pedindo que nas administracións públicas “haxa unha implicación en recuperar unha xoia do noso patrimonio”. A alcaldesa explicou a situación na que está o parque e o proceso de contratación das primeiras obras de restauración no estanque do Retiro, que continuarán obras no estanque da Gruta e as Catro Estaciones. “A idea é que 2021 sexa o ano nas que iniciemos, por fin, estas obras e que a partir de aí se vaina dando os pasos necesarios para seguir avanzando na recuperación deste espazo. Agardemos que por riba de cores políticas, todas as administracións se impliquen nun proxecto que ata agora só conta co Concello e a Deputación”, explicou á alcaldesa.

O centro histórico segue sendo outra das preocupacións dos máis novos e novas, que ven “no estado das vivendas un problema que habería que solucionar”. María Barral explicou os avances destes últimos anos e destacou o traballo de colaboración que neste ámbito existe por parte do Concello e a Xunta. “Seguiremos impulsando a recuperación de vivendas.

Nestes momentos temos máis dun centenar de expedientes abertos para que as persoas propietarias de inmobles acometan actuacións, de diferente grao en función da deterioración. E nesa liña imos continuar”. Anunciou, neste sentido, que a empresa do Plan Especial de Protección do Centro histórico concluíu a redacción deste documento  que agora será sometido ás diferentes fases de aprobación para que poida entrar en vigor en 2022. Sen dúbida,  “marcará o futuro desta importante zona da cidade”.

Outra das peticións formuladas polo alumnado é a construción dunha pista de skate. A alcaldesa avanzoulles que o Concello está a avanzar nese proxecto e que a intención é “construír unha pista acorde cos tempos na mesma zona na que está actualmente. É un dos nosos proxectos  e imos tentar poder desenvolvelo aínda que sexa en varias fases, tendo en conta que o custo destas instalacións é importante. Falaremos con mozos e mozas que practican este deporte en Betanzos para que as novas instalacións inclúan, na medida do posible, as súas demandas”. Neste sentido, tamén pediron que se cubra algún dos parques infantís para que poidan ser utilizados en “épocas do ano que pola choiva é imposible”. A alcaldesa lembrou que o proxecto xa está contemplado para o parque do Pasatempo “e que se executará tan pronto como haxa dispoñibilidade orzamentaria para acometelo”.

O alumnado pediu, por último, entre outras propostas, que tamén se cubra o patio do colexio Vales Villamarín, unha petición na que o Concello “tamén coincide” e que trasladará xunto con outras melloras no centro escolar que están pendentes de executar.