O Concello actuou de forma directa nun inmoble situado na rúa do Hórreo número 30

409

O Concello actuou de forma directa nun inmoble situado na rúa do Hórreo número 30 ante a situación na que se atopaba e o risco de desprendementos tanto da fachada como da galería de madeira sobre peóns e vivendas lindeiras

 

 

A área de Urbanismo abrira en setembro unha orde de execución para que as persoas propietarias executasen diversos traballos de estabilización da fachada coa retirada de elementos. Esta Orde non foi executada e por mor das choivas desta semana o estado da vivenda empeorou de forma notable. Foi entón cando o Concello, a través de diversos servizos, tentou localizar ás persoas propietarias pola vía de urxencia, algo que resultou infrutuoso.

Ante esta situación e o risco de derrubamento, o Concello, unha vez examinada a vivenda polo persoal técnico municipal, actuou sobre esta, retirou todos aqueles elementos que podían caer á vía pública ou sobre outras vivendas.

O concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, explicou que se trata da primeira ocasión na que “o Concello actúa de maneira directa e urxente sobre un inmoble, xa que en ocasións anteriores sempre se localizaron as persoas propietarias, co que os custos foron asumidos polos donos das vivendas”. Neste caso, o custo dos traballos de derrubamento quedará reflectido na ficha catastral do inmoble, no Catastro,  para que no futuro o Concello poida recuperar o diñeiro cando haxa algunha operación inmobiliaria sobre este predio.

Andrés Hermida indicou que o Concello seguirá revisando os inmobles e abríndolle expedientes ás persoas propietarias daqueles que están en malas condicións para que adopten as medidas oportunas. De faceren caso omiso, imporanse multas coercitivas “mais o que non podemos asumir é a situación dalgunhas vivendas que están en serio perigo. Non podemos tolerar a pasividade dalgunhas persoas propietarias, e xa non tanto particulares, que hai algunhas, senón de grupos bancarios. A situación é preocupante e o Concello ten que actuar en consecuencia”.