Representantes do goberno local, encabezados pola alcaldesa, María Barral, apoiaron a manifestación de SOS Hostalaría Betanzos e comerciantes nas súas reivindicacións ante a situación que están a padecer polas restricións pola Covid-19.
María Barral, que mantivo hai uns días unha reunión con representantes da plataforma para coñecer de primeira man as súas reivindicacións e tratar de tender pontes, reiterou esta mañá o seu apoio ás demandas e a procura de acordos para, dentro das limitacións que ten a Administración local, “buscar vías de entendemento e saída ás súas peticións. Somos sensibles coa situación e faremos o que estea nas nosas mans tanto a nivel de Concello como para que outras administracións, que si que teñen competencias e capacidade para poder axudar, tamén o fagan”.
A primeira edil explicou que a semana pasada se aboaron as axudas municipais do plan reactiva Betanzos despois de que os servizos de Intervención desen a súa aprobación. “Sabemos que non son suficientes, e por iso imos reaxustar partidas municipais e incidir ante outras administracións para que tanto os hostaleiros e hostaleiras como outros sectores afectados pola pandemia poidan recibir máis axudas”.
María Barral agradeceu o recoñecemento dos representantes da Plataforma a algunhas medidas municipais relacionadas con axudas ou coa ampliación das terrazas e brindouse a mediar directamente ante outras compañías de servizos de enerxía ou de auga e saneamento, como Viaqua, para que se teña en conta a súa situación “á hora de pagar a auga ou saneamento”.
A alcaldesa explicou ademais que as taxas e ordenanzas municipais nas que o Concello “pode actuar legalmente” xa se rebaixaron aos límites normativos, unha decisión tomada xa en 2020 e que se manterá en 2021. “Nese sentido trasladamos a nosa total colaboración á hora de fixar o impostos mais dentro do que nos marca a lei”.
Por último, ante as situacións “persoais” que está a atravesar algún profesional, segundo a plataforma, desde o Concello poranse á súa disposición, como se fai con outros casos, os Servizos Sociais para tramitar axudas de emerxencia para gastos esenciais en caso de necesidade.