Medidas para evitar concentracións durante Os Caneiros a pesar de que o Concello suspendeu as dúas xiras

341

O Concello, a subdelegación do Goberno, a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil celebraron unha Xunta de Seguridade para analizar diversos aspectos para os próximos días, tendo en conta que, como o pasado ano, pola situación pandemia, non haberá lanzamento do globo nin as xiras dos Caneiros.

Precisamente, foi isto último o que centrou boa parte da Xunta. A suspensión das xiras por parte do Concello suporá o peche do campo e que tampouco se poña en marcha o dispositivo de seguridade nin no río nin en terra e, por tanto, non haxa presenza de sanitarios nin de Protección Civil nin Cruz Vermella.

A decisión o Concello, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, durante a Xunta de Seguridade tómase por “razóns de seguridade pola Covid-19 e a imposibilidade de celebrar eventos que xeren aglomeracións ou concentracións de persoas”.

Tendo en conta o carácter das xiras e a participación que se produce nestas que transcende máis aló do local, sobre todo a primeira do día 18, que concentra habitualmente a persoas de fóra do municipio e mesmo doutras provincias, unido a que se trata dunha propiedade municipal situada noutro Concello, neste caso Coirós, será a Garda Civil a que manterá os dispositivos especiais para restrinxir os accesos cara ao campo dos Caneiros a pesar da non celebración das romarías.

Haberá vixilancia, por tanto, da Garda Civil no campo dos Caneiros, para evitar o acceso ao lugar, que o Concello manterá pechado. A Garda Civil e a Policía Local tamén serán estritas á hora de esixir o cumprimento das medidas de seguridade, é dicir, a distancia social e o uso de máscara a aquelas persoas que, a pesar de todo, decidan trasladarse ata Os Caneiros, tanto ás que o fagan en embarcacións como a pé. Tamén se vixiará que as embarcacións que ese día naveguen polo río cumpran coa normativa de capacidade, xa que a navegación estará permitida.

En todo caso, avisarase nos camiños de acceso, tanto desde Coirós como desde Betanzos, que o campo permanecerá pechado e prohibido o acceso a este.

O Concello confía na responsabilidade da xente “que é consciente tamén, por todo o que está a pasar, de que este tipo de eventos é imposible celebralos. Por responsabilidade e porque o máis importante é a saúde”.

A alcaldesa destacou a colaboración das forzas de seguridade e agradeceulle á subdelegada do Goberno, María Rivas, a implicación para que todo transcorra con normalidade “ante a situación que nos toca vivir”.

Por outra banda, a Xunta de Seguridade tamén analizou os datos de violencia de xénero, tras a reunión mantida hai unhas semanas pola Mesa de Igualdade, na que as administracións amosaron a súa preocupación polo incremento de casos de violencia de xénero experimentado en Betanzos do mesmo xeito que na provincia.

Ademais, supervisáronse os datos de seguridade cidadá onde destaca unha diminución do 16% do número de delitos e a taxa de criminalidade na que Betanzos acabará o ano cun nivel 26, moi por baixo dos 37,4 puntos nos que está a media de España.