O Concello abre a porta á implantación dunha liña de transporte directo á Universidade no caso de que haxa demanda de alumnos para iso

677

A alcaldesa, María Barral, mantivo contactos con responsables de ARRIVA para negociar a posible reimplantación do autobús directo aos campus universitarios con saída desde Betanzos ás oito da mañá e regreso ás 14.10 horas. No caso das viaxes de volta, o autobús faría un  transbordo no Puente Pasaxe coa liña regular A Coruña-Betanzos.

 

 

A compañía de transporte puxo en marcha este reforzo nos últimos meses do pasado curso, pero a demanda non foi a esperada e decidiu deixalo en suspenso no novo ano académico.

O  Concello recibiu diversos escritos de universitarios interesados en recuperar este servizo e, por mor destas peticións, mantivéronse varios contactos coa compañía para analizar a posibilidade de que Betanzos dispoña novamente dunha saída directa, que evite que os mozos teñan que utilizar o bus metropolitano e facer transbordo nas paradas da Coruña para chegar ao campus.

O  Concello considera que se trata dun servizo necesario, aínda que cre que se existe unha pobre demanda, como foi a do pasado ano, “é lóxica a decisión da compañía de suspender o roteiro tras comprobar que era deficitaria”.

Neste sentido, o Concello abrirá un período para que os alumnos universitarios expresen o seu interese por este servizo co fin de estudar a viabilidade económica do mesmo recuperándoo   “se se consegue alcanzar un número de usuarios que xustifique a súa reimplantación”. A idea é, mesmo, realizar unha achega municipal no caso de que o servizo teña unha importante demanda.