O Concello adopta medidas na zona da Ribeira ante o previsible crecemento do caudal do río nos próximos días

72
O Concello poñerá en marcha durante os próximos días un dispositivo especial na zona do Malecón da Ribeira en previsión das mareas que se producirán ata mediados da próxima semana, as previsións meteorolóxicas adversas e a posible apertura de comportas  das minicentrais do Mandeo por aumento de caudal no río, que a día de hoxe non está confirmada.
A previsión da cota de marea cunha altura que chegará nos próximos días a rozar os catro metros e que a principios da próxima semana podería superar a cota 4.20 xunto ao aumento de caudal no río motivaron que se adoptasen, xunto a Estradas do Estado, unha serie de medidas de seguridade. Así, sinalizarase a zona para delimitar o aparcamento de vehículos ao longo do Malecón durante os próximos días. Xunto a iso, colocaranse sacos de area nos ocos onde se sitúan as escaleiras de baixada ao río e non existe muro. O obxectivo é frear, na medida do posible, que poida chegar a auga á estrada.
Despois da reunión de días pasados con Estradas farase un seguimento técnico do sistema de bombeo coincidindo coas pleamares. De feito os parámetros que se darán nos próximos días servirán de proba para “modificar ou non aspectos de programación técnico dos bombeos”.
Desde Protección Civil tamén se fará un seguimento especial durante eses días, vixiando ademais da zona da Ribeira e Tolerancia a área do porto, que tamén se ve afectado, normalmente, pola subida do caudal do Mandeo. Neste sentido, advertirase ás empresas sobre a situación.
Concello e Estradas manterán un contacto estreito durante os próximos días para atender calquera incidencia que poida producirse.