Betanzos adxudicará nuns días a redacción do Plan Especial de Protección do Centro Histórico tras asinar un novo convenio de colaboración coa Xunta

39

A alcaldesa, María Barral, asistiu en Santiago á reunión da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello para o financiamento da revisión do Plan Especial de Protección e Ordenación do Centro histórico unha vez que o Concello rescindiu o contrato coa anterior adxudicataria do plan e está nestes momentos en fase de contratación a redacción do novo documento. O reaxuste da achega da Xunta permitirá financiar os traballos de redacción do Plan durante as próximas anualidades, ata o 2027, incluído.

A empresa que resulte do proceso de contratación que está agora en marcha agárdase que inicie os traballos de redacción do Plan nunhas semanas, posiblemente ao longo do mes de abril. O Concello rescindiu o contrato coa anterior empresa polo atraso na entrega dos traballos, o incumprimento dos pregos, entre outras cousas polo persoal asignado ao contrato, e que o documento entregado non cumpría as esixencias mínimas legais da normativa autonómica polo que o persoal técnico municipal consideraba que “o documento presentado era equiparable á inexistencia deste”.

Con este novo  plan especial pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles, xunto a outra serie de accións que estamos a impulsar, por iso é polo que non se pode quedar atrás e que se necesario dispor deste documento en paralelo a esas actuacións e ao Plan Xeral de Urbanismo que está tamén moi avanzado”.

“O obxectivo  pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definir usos e conservar o que se estableza no plan especial. Temos unha xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar”, sinalou o concelleiro de Urbanismo, Diego Fernández.