O Concello facilitaralle a conexión a internet ao alumnado das familias con menores recursos durante a Covid-19

674
Foto de arquivo da alcaldesa co director do Colexio Vales Villamarín (no centro), o Concelleiro de educación, Andrés Hermida, e o presidente de Cruz Vermella Betanzos

O Concello facilitaralle o acceso a internet ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato de Betanzos que non ten conexión a internet nas súas vivendas, para seguir a aprendizaxe a distancia durante o confinamento pola Covid-19.

Así o anunciou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, que explicou que o Concello vai adquirir encamiñadores de conexión de 4G e con suficiente capacidade de datos para “contribuír á mellora da comunicación, sobre todo nos sectores máis desfavorecidos e con menos accesibilidade a internet”.

Aínda que non é unha competencia municipal, a alcaldesa explicou que “o Concello non pode permitir que o alumnado de Betanzos non poida seguir a aprendizaxe normal do curso escolar por carecer de conexión a internet. Trátase de familias con menos recursos que non poden afrontar o pagamento dunha conexión a internet, nas que os seus fillos e fillas, por tanto, alumnado de centros educativos de Betanzos, non pode seguir o desenvolvemento normal do curso escolar”.

A primeira edil indicou que esa é a razón pola que “aínda non sendo competencia do Concello, non podemos quedarnos parados e por iso buscamos solucións”. Tras falar con todos os centros públicos e concertados de Betanzos, estes colexios e institutos informaron ao Concello dos alumnos e alumnas que “por estas circunstancias non podían seguir con normalidade o curso”, máis cando se prevé que a volta aos colexios non será a curto prazo e que os estudos desta terceira avaliación serán en liña.

A partir de aí, o Concello púxose en contacto con diferentes operadores que puidesen prestar o servizo canto antes. “Sabemos que o Goberno coas comunidades autónomas vai dotar dalgún dispositivo, para estes casos a partir de secundaria, mais non está determinado nin o número nin cando”.

Isto fixo que se pechase un acordo cun operativo de telefonía local betanceiro coas características que o Concello buscaba, e ao que o Concello lle comprará os equipos e pagará mensualmente as conexións a internet destes alumnos e alumnas para facilitarlles os seus estudos. “Farémolo, en principio durante tres meses”.

Se é necesario ampliar o tempo, ampliarémolo, indicou a primeira edil. En principio son unha trintena de escolares que non tiñan internet para poder seguir os seus estudos. “Os equipos entregaránselle a próxima semana ao alumnado para que se poña ao día canto antes”. En principio, tamén outros entes cederanlles equipos informáticos co que “terán todo para poder seguir estudando”.

O obxectivo é reforzar o plan de docencia en liña, que o estudantado non perda coñecementos e que esta situación non acabe sendo un lastre para o seu futuro.

Foto de arquivo da alcaldesa co director do Colexio Vales Villamarín (no centro),  o concelleiro de Educación, Andrés  Hermida, e o presidente de Cruz Vermella Betanzos.