O Concello apaga a iluminación en instalacións municipais que non se utilizan durante o estado de alarma como o parque do Pasatempo, o Pablo Iglesias e as pistas polideportivas

551

O Concello comezou a racionalizar a iluminación pública co fin de manter esta redución durante o período de confinamento da poboación. Fíxoo co apagado das luces das instalacións municipais que non se utilizan neste estado de alarma e que, polo tanto, este feito supón non so un aforro senón tamén unha redución importante da contaminación lumínica.

Neste sentido, o Concello iniciou o programa apagando as luces da zona do velódromo do Carregal e as pistas deportivas cubertas e continuou esta noite con parque do Pasatempo e o parque Pablo Iglesias. Trátase de medidas de carácter medio ambiental supoñen un aforro enerxético para o Concello. Continuarán nalgunha outra instalación municipal que non ten uso durante este período de confinamento.

Por outra parte, continúan os traballos de desinfección de espazos como as rúas, os parques e o mobiliario público que está levando a cabo o Concello con medios propios e cun servizo externo. Estanse a facer durante a noite en moitos lugares e ao longo do día tanto la zona urbana como na rural. O programa reforzouse nos últimos días coa incorporación de servizos externos que completan os municipais e os do Consorcio das Mariñas.

Neste sentido, dende o goberno local faise especial fincapé en que, seguindo as recomendacións de Sanidade, a veciñanza consuma auga da traída ou mercada en supermercados e evite a das fontes públicas. Dende o Concello lémbrase que por mor da crise sanitaria da Covid-19 débense adoptar medidas para evitar contaxios. Por isto, é importante evitar as fontes públicas dado que son instalacións onde pode existir contacto coas mans ou boca nas billas por onde sae auga e, polo tanto, aínda que se leven a cabo traballos de desinfección, non se ponde garantir unha seguridade total nin nas billas nin noutros elementos construtivos das fontes.