O Concello aproba a retirada de parte final da pasarela metálica do Pasatempo sobre a avenida Fraga Iribarne

152

A Xunta de Goberno aprobou a licenza para a retirada dunha parte da pasarela metálica do Pasatempo. O tramo que se retirará é o que “voa” sobre a avenida Fraga Iribarne e que apoia no primeiro nivel do parque antigo, agora en fase de recuperación. Os traballos forman parte dunha serie de medidas urxentes que se concretaron coa Xunta, sendo as primeiras actuacións que levará a cabo a administración autonómica no recinto.

A pasarela metálica, obxecto de desmontaxe parcial, é obra de Andrés Fernández-Albalat Lois e Carlos Meijide Calvo e foi executada na década dos anos 1990. Conceptualmente pretendía conectar de forma elevada o núcleo de Betanzos co novo parque do Pasatempo e co Pasatempo antigo (parque alto) salvando o río Mendo. Finalmente esta conexión quedou inacabada na zona da ribeira do Mendo, polo que a pasarela elevada perdía parte da súa funcionalidade, quedando como un vestixio inacabado do novo Parque do Pasatempo que só cumpre a función de miradoiro sobre o Carregal e era empregado como acceso sobreelevado cara ao parque alto, salvando a avenida Manuel Fraga Iribarne.

O  proxecto recolle a desmontaxe parcial do tramo final da pasarela peonil cara ao parque do Pasatempo, duns 47 m de lonxitude, que vai dende o auditorio ata a entrega na cuberta da Gruta Recoleta, na segunda terraza do parque alto.

Actualmente este tramo da pasarela xa está pechado, ao non ser posible acceder libremente ao Pasatempo por estárense levando a cabo obras de restauración.

O motivo da desmontaxe é a incompatibilidade coas actuacións de conservación que se propoñen no proxecto técnico de restauración do Estanque da Gruta e a Gruta Recoleta. A dita incompatibilidade prodúcese por dous factores:

  • O primeiro, pola existencia dunha zapata de formigón sobre a que se afianzan dous piares metálicos que sosteñen o taboleiro da pasarela. A dita cimentación foi executada no seu día sobre o muro orixinal do estanque, realizado en cachotaría de lousa. Ese muro, na súa cara interior conta cunha decoración artística realizada mediante un mosaico embebido no muro que actualmente presenta alombamentos que poden ter orixe na zapata da pasarela antedita. Para poder restaurar e conservar eses mosaicos con garantías, compre retirar a cimentación.
  • O segundo, polos movementos producidos pola pasarela de 300 m de lonxitude sen xuntas de dilatación que descansa nunha cimentación executada sobre os alicerces da Gruta Recoleta, e que pode estar a danar a débil bóveda desa Gruta, que ademais está decorada tamén con mosaicos animais e estalactitas.

Ademais disto, os accesos previstos no Plan Director fan innecesaria a permanencia deste tramo final da pasarela sobre a avenida Manuel Fraga Iribarne. A pasarela, ademais de ser empregada para realizar o acceso peonil ao parque, tamén servía para albergar a rede de abastecemento de auga potable e a liña eléctrica que fornecía o parque alto. Destas redes, o abastecemento de auga quedou en desuso cando se realizou unha nova acometida soterrada baixo a avenida Manuel Fraga Iribarne, mentres que a rede eléctrica si que dá servizo a un cadro eléctrico municipal, que na actualidade tampouco se está a utilizar por estar nunhas condicións de seguridade pouco apropiadas e existe un cadro eléctrico de obra alternativo a este.

Para adecuar a zona do corte sobre a pasarela que se vai a manter, proponse a creación dun pequeno miradoiro como remate da pasarela, a carón do muro do auditorio. Seguindo a mesma lóxica estrutural e empregando a mesma tecnoloxía construtiva, a intervención consiste en ampliar cara os laterais este espazo final da pasarela, creando un ámbito máis amplo no que poder pararse a observar o parque alto e mesmo ter sitio para instalar un panel miradoiro explicativo con informativo do Parque co que completar a experiencia do visitante.

Este novo espazo construírase con estrutura metálica, utilizando perfís das mesmas dimensións que na pasarela orixinal, e con cuberta e chan de chapa ao estilo da pasarela actual.