O Concello inicia os traballos de rexeneración dos estanques da parte baixa do parque do Pasatempo

129

O Concello inicia a rexeneración dos estanques do Pasatempo, afectados por unha bacteria que xera a aparición dunha alga que tingue de verde a auga destes dous espazos, comunicados entre si, situados na parte baixa do parque. Os traballos de limpeza e rexeneración iniciáronse estes días co baleirado do vaso dos dous estanques e a posterior retirada de alga e lodo acumulado. Ademais, instalaranse dúas novas bombas de auga.

Os estanques serás sometidos a un tratamento especial co fin de evitar de novo a aparición desta bacteria, aínda que, “as actuacións levadas a cabo ata agora non deron os froitos esperados”, sinalan fontes municipais. Os traballos prolongaranse durante os próximos días polo que se pechará a zona.

Xunto á adecuación dos estanques tamén levarán a cabo actuacións de limpeza na súa contorna, onde as raíces das árbores levantaron o pavimento e lastros. A intención da concellaría de Infraestruturas é incluír esta mellora dentro dun proxecto que tamén comprenderá unha reforma da zona de baños, deteriorada por constantes actos de vandalismo e o paso do tempo.