O Concello asumirá a redución do recibo da auga que se aplicará aos hostaleiros que non abriron por restricións da Covid

332

A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión con representantes da Plataforma SOS Hostalaría Betanzos na que lles trasladou a “total colaboración” do Concello á hora de pór en marcha iniciativas que “dinamicen o sector”.

“Propostas para a celebración da Semana da Tortilla ou a Semana do Pincho serán sempre ben recibidas, pero tamén estamos abertos a estudar aquelas que sirvan para dinamizar o sector noutras épocas do ano sen coincidir coas actividades que xa ten programadas o Concello”, indicou a alcaldesa.

María Barral repasou, durante a reunión, cada un dos compromisos adquiridos polo goberno local no manifesto asinado hai tres meses, “aspectos nos que se avanzou durante este tempo”. Entre eles, a redución no recibo da auga polos días nos que a hostalaría estivo pechada para cumprir as restricións da autoridade sanitaria. “Despois de varias reunións de traballo e canalizar o asunto coa empresa concesionaria, ese desconto realizarase de maneira lineal a todos os hostaleiros e hostaleiras que tiveron que pechar os seus negocios polas restricións. “O Concello asumirá esa contía que será fará efectiva, espero, no próximo recibo”, afirmou Barral, quen é consciente “que os aspectos administrativos atrasaron que a redución fose efectiva con anterioridade como era intención do goberno local”.

Ademais, o Concello lembrou os programas de axudas á hostalaría e comercio cuns 400 000 euros da Deputación e Concello en 2020; e outros 96 000 euros deste ano que o Concello sumará á axuda da Xunta. María Barral explicou, ademais, que están en marcha diversas actuacións para dinamizar a economía local e por extensión a hostalaría de cara ao verán, con actividades todas as fins de semana desde mediados de xuño ata setembro.

Tamén indicou que se mantiveron reunións con compañías eléctricas para tentar unha redución do recibo de subministración tendo en conta que os locais estiveron pechados e co Consorcio das Mariñas polos recibos da recollida de lixo. Mantéñense as vías de diálogo abertas aínda que, recoñeceu, que “é complicado o poder chegar a acordos”.

Barral anunciou que se convocará de novo a mesa de traballo, na que están representados comerciantes, hostaleiros e hostaleiras e partidos políticos para analizar as propostas que se presentaron para “promover programas que incentiven a economía, tal e como se acordou na última reunión de traballo”. A día de hoxe só a hostalaría presentou propostas”.

Nesa mesma mesa de traballo abordaranse as bases que rexerán unha nova convocatoria de axudas directas municipais, neste caso dirixidas ao pequeno comercio e cuxo borrador xa teñen todos os membros da mesa.