O Concello de Betanzos comezou o plan de reposición e limpeza do mobiliario en locais municipais ante os actos incívicos que veñen sendo provocados polos vándalos durante a pandemia, contexto no que estaba terminantemente prohibido acceder a estes. Xa son varios os lugares nos que se atopou algunha xanela ou porta forzadas para acceder a estes e provocar roubos e desfeitas.
O goberno local xa actuou nos locais sociais das Angustias, Castro, Xanrozo, A Condesa e A Ribeira, e esta semana os traballos céntranse no de Guiliade. O principal obxectivo do goberno local é polos a punto para o asociacionismo betanceiro, quen son as persoas usuarias destes espazos.
Durante as próximas semanas, “continuaranse os traballos ata completar a totalidade de locais de uso municipal por parte das asociacións”, avanzan desde o goberno local, “para dar resposta a unha necesidade básica e cuxos comportamentos condenamos rotundamente”.
Neste sentido, a alcaldesa, María Barral, lamentou que “o grupo popular trate de politizar unha situación que nos incumbe a todas e todos, vertendo acusacións sobre a competencia ou non competencia municipal para tratar de confundir ás betanceiras e betanceiros”, argumenta a rexedora, en relación coa polémica dos pasos de peóns e a “desleixo” do goberno local ao non actuar nestes por non ser competencia municipal en determinadas estradas”. A alcaldesa quixo resolver o tema argumentando que “os intereses das veciñas e veciños de Betanzos son os nosos, e xa sexa a nosa competencia ou a obriga requirir que se actúe ante unha deficiencia, será o que faremos, porque sempre o fixemos”.