O Concello colaborará coa Xunta na mellora do patio cuberto do Vales Villamarín

297

O Concello colaborará coa Xunta para afrontar as obras necesarias no patio cuberto do colexio Vales Villamarín e que as instalacións poidan así ser utilizadas polo alumnado do centro. Así se comprometeu esta mañá, a alcaldesa, María Barral, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha reunión mantida sobre este asunto á que tamén asistiu o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, e o xefe territorial de Educación. O encontro foi convocado despois de que a alcaldesa solicitase en repetidas ocasións e reunións co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e co propio xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para falar non só desta “necesidade senón doutras que ten o centro e os institutos”.

O compromiso do Concello de colaborar coa Xunta é claro en canto a que “se o Concello non o fixese, aínda que non sexa competencia directa do Concello, nestes momentos a Xunta non podería afrontar o investimento, e as obras terían que demorarse máis dun ano, polo que desde o goberno local imos apoiar esta actuación”.

O que ten claro a primeira edil é que o alumnado de Betanzos non pode comezar o curso nas condicións nas que se atopa o patio cuberto nin deixar que a obra se demore un ano máis ata que a Xunta puidese afrontala. Neste sentido, a Xunta explicou que o orzamento dos traballos ascenden a uns 96 000 euros dos que a Consellería podería asumir arredor do 50% co cal o Concello deberá custear o outro 50%. María Barral insistiu en que a disposición do Concello é total para que se poidan afrontar canto antes as obras.

A primeira edil espera que nesta nova “vía de diálogo” se dean agora os pasos oportunos para que “se poidan abordar outras cuestións que están pendentes e que son tamén importantes para nós como é acometer as obras da segunda fase do colexio Vales Villamarín e outras actuacións nos institutos”. A primeira edil entende que se trata dunha “vella demanda, mais que co paso dos anos a necesidade é maior, e, por tanto, é necesario programar esas actuacións para establecer unha folla de ruta e coñecer de primeira man en que prazos os pode executar a Consellería.