O Concello comezará nuns días outro paquete de actuacións para mellorar os viarios na zona rural cun investimento duns 186 000 euros

227

O Concello comezará nuns días outra fase do programa de actuacións de mellora de viarios na zona rural dentro do plan de estradas e seguridade viaria cun investimento próximo aos 186 000 euros.  Os camiños están situados nas parroquias de San Martiño de Tiobre, Santa María de Pontellas, Santo Estevo de Piadela e Santiago de Requián e forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Touriñao, Castro, Illobre, Viladesuso, Guiliade, Infesta e Xanrozo.

Trátase de camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais, e cuxo pavimento está moi deteriorado polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan, que, ademais, están sen sinalización horizontal, o que supón unha inseguridade, especialmente para os peóns e peoas. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana.

Xunto con estes camiños, tamén se executarán melloras nos de San Xiaio, Os Tabaques e Illobre, segundo explicou o concelleiro de Obras, Diego Fernández, que anunciou outros dous proxectos que incluirán núcleos en Guiliade, O Farragoto e Requián, Pontellas, San Martiño e Piadela.

Así, o Concello segue a desenvolver un programa que prevé a mellora de estradas  en toda a zona rural a través de diversos plans en convenio coa Deputación Provincial, axudas da Xunta e con partidas propias dos orzamentos municipais.

Nos últimos meses executáronse obras no Tarreo, Guiliade-A Rúa e Talai, dentro do mesmo programa municipal de pavimentacións, rozas e reforzo de sinalización; e tamén de pavimentación e sinalización horizontal e vertical nas parroquias de Requián e Santo Estevo de Piadela, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Xanrozo, Guiliade e Piadela.