O Concello comunícalle ás persoas propietarias de edificios de máis de 50 anos a obriga que teñen da Xunta de facer unha inspección técnica que certifique o seu estado

381

O Concello comezará a comunicarlle ás persoas representantes e propietarias de edificios de máis de 50 anos o prazo máximo de dous ou tres anos que teñen, dependendo de se está ou non catalogado, de acordo coa lei aprobada pola Xunta de Galicia, para a presentación do informe de avaliación técnica do edificio, advertíndolles que o incumprimento deste prazo poderá supor a imposición de multas coercitivas. Así o anunciou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, tendo en conta a obrigatoriedade imposta na lei aprobada pola Xunta que obriga ás persoas propietarias a presentar un informe elaborado por persoal técnico cualificado que pode ser arquitecto/a ou aparellador/a que terá que comprobar os elementos comúns do inmoble tales coma fachadas, azotea, instalacións de saneamento e fontanaría, etc.

Se o profesional encargado de realizar a inspección acredita que o edificio permanece en bo estado e reúne todas as condicións de seguridade necesarias, a ITE será aprobada. Nese caso haberá que tramitar  a documentación necesaria para que quede reflectido nos organismos pertinentes a resolución favorable do edificio en cuestión, convocando a este para unha nova revisión en 10 anos.

O Concello decidiu establecer un calendario para a presentación gradual do IAE dos edificios tras a normativa da Xunta. Así, para unha mellor xestión dos recursos municipais e co propósito de dar tempo ás  persoas propietarias a elaborar as medidas necesarias para levar a cabo esta obriga proponse que o edificio con máis de 50 anos de antigüidade teñan dous anos de prazo, ata 22 de marzo de 2024,  para presentar o informe de avaliación de edificios e tres anos o resto de edificios (ata 22 de marzo de 2025).

O prazo contarase a partir da entrada en vigor do Decreto 34/2022, do 10 de marzo, polo que se modifica o Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios.

O informe de avaliación de edificios está directamente relacionado co deber establecido no artigo 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, das persoas propietarias de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións, de conservalos nas condicións legais para serviren de soporte aos usos a que están destinados e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente exixibles, obriga que se concreta para as persoas propietarias e usuarias de vivendas.