Edificio dos sindicatos na avenida de A Coruña

“Tendo en conta o informe da Avogacía do Estado no que desestima a nosa petición de cesión do edificio, a pesar de que xustificabamos que no seu día os terreos foran cedidos polo Concello de forma gratuíta para un fin que agora mesmo non se dá, só nos queda a vía de adquisición do inmoble e o noso propósito é chegar a un acordo definitivo sobre este”. Baixo esta formulación, a alcaldesa, María Barral, avanzou nas últimas semanas as negociacións co Ministerio de Traballo para conseguir, canto antes, o edificio dos sindicatos para usos municipais. Despois de manter en Madrid a reunión coa Subsecretaría de Estado do Ministerio de Traballo, Gemma do Rei Almansa, acordouse realizar unha nova taxación do edificio para fixar o prezo final e buscar, a partir de aí, o acordo definitivo.

Neste sentido, o Ministerio acaba de trasladarlle ao Concello o prezo de taxación do inmoble que é duns 284 000 euros. Aínda que se trata dunha cantidade elevada, á que haberá que logo sumar o investimento necesario para recuperar ao 100% o edificio, “trátase dun inmoble que pola súa localización e as posibilidades de uso que ofrece para o Concello consideramos que non se pode renunciar. Ademais, evitaremos así que poida caer en mans privadas nalgún momento”, indicou a alcaldesa.

Agora, o Concello estudará a proposta e a forma de pagamento que pasará, en todo caso, por unha amortización da cantidade anualmente a través dos tributos do Estado. En principio, esa cantidade poderá pagarse ata en 10 anos.

Trátase da terceira taxación que se fai do inmoble. As dúas anteriores, de hai uns anos, foron contratadas unha polo Ministerio e outra polo Concello, cunha diferenza considerable canto á contía económica que naquel momento fixo inviable o acordo. O Ministerio trasladoulle posteriormente que segundo os seus servizos xurídicos só era válida para os afectos de negociación a taxación encargada desde o Ministerio e que, por tanto, sobre o prezo que se fixase non podería haber negociación ningunha. Esta negociación quedaría só para as condicións de pagamento ou do acordo final pero non sobre o prezo.

Nestas semanas as conversas co Ministerio foron por bo  camiño e sempre houbo boa dispoñibilidade polas dúas partes de pechar unha operación que para o Concello é importante para destinar o edificio ao ámbito social e a servizos municipais. “Nisto coincidimos co Ministerio que tamén ten vontade de que o inmoble teña actividade en lugar de que permaneza no estado no que se atopa agora mesmo”, indicou a alcaldesa.