O Concello concédelle o distintivos Muller Emprendedora a 10 mulleres que iniciaron a súa actividade durante 2023. Galería de imaxes.

38

Dentro das iniciativas municipais impulsadas co gallo do 8 de marzo, o Concello de Betanzos outorgoulle o Distintivo Muller Emprendedora 2023 a 10 mulleres que se puxeron ao fronte de distintos negocios o ano pasado.

Nesta ocasión, prémianse establecementos relacionados co deporte, a educación, a moda, a beleza, a axuda no fogar, a alimentación e a hostalaría, con nomes propios como Betan Cit, Café Bar El Capricho, Crecer, Distrito Palmeras Moda, Más que pan, Maiores no fogar, Neón Club, No se lo digas a mamá, Peluquería Salón Bukuri e Salón Unisex Carola López.

O acto de entrega dos distintivos tivo lugar o pasado xoves 14 de marzo, presidido pola alcaldesa, María Barral, quen destacou o programa coma un espazo de encontro  entre as propias emprendedoras, de cara a establecer lazos de colaboración e de apoderamento feminino.

Os Distintivos Muller Emprendedora é un recoñecemento que o Concello de Betanzos realiza dende o ano 2018 e, segundo a alcaldesa,  “estará presente tamén nos vindeiros anos, como medida do IV Plan de Igualdade municipal”.

A primeira edil indicou que “cando unha muller decide emprender non só se atopa cun gran reto profesional, senón tamén con numerosas dificultades persoais, porque a día de hoxe as mulleres seguimos a ser as que maioritariamente asumimos os coidados, e polo tanto, a nosa carga mental é dobre. Por iso, neste camiño é importantísimo contar cunha rede familiar de soporte, ou amizades que dean alento cando chegan as horas baixas, polo que quero agradecer tamén a presenza daquelas e daqueles que hoxe estades aquí apoiando a estas mulleres emprendedoras”.

Barral comentou que “se as mulleres representamos o 50% da poboación, merecemos estar presentes na mesma porcentaxe no mundo, liderando proxectos, e sobre todo, sendo visibles. O espazo nos corresponde por dereito, e o Concello de Betanzos apoiará sempre esta visibilidade. Vós sodes o presente do emprendemento betanceiro, pero servides tamén de espello para as novas xeracións, para as emprendedoras do futuro. Recordade, como di o lema da nosa campaña municipal polo 8 de marzo, que As Mulleres Somos Moito”.