Fran Amil chega con “Popsía” aos colexios polo Día da Poesía

40

O Concello de Betanzos celebra, como cada ano, o Día da Poesía achegando diversas actividades pedagóxicas aos centros de ensino de primaria e secundaria da localidade. O programa de actividades do Día da Poesía para o alumnado de primaria comeza este martes 19 de marzo no CPR Nosa Señora do Carme co concerto de Fran Amil “Popsía” que repetirá o martes 20 de marzo no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, tamén para o alumnado de primaria.

O Concello de Betanzos programa esta actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín e do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos está subvencionado pola Deputación provincial da Coruña e pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Popsía

Versos inmorredoiros da lírica galega en clave de funk, rock, jazz, pop e fusión. “Popsía” de Fran Amil supón un achegamento inédito que escolma poemas dende o medievo ata a actualidade, converténdoos en cancións a ritmo de rap, rock, regatón, pop e soul, entre a máis selecta gama de xéneros musicais contemporáneos.

Unha descarga de música e lírica para unha velada inesquecible, que se converte no vehículo perfecto para expresar emocións e ideas modernas adaptando versos de calquera época. Unha aposta de identidade e de comunión coa mocedade. Rimas de sempre a ritmos bailables para identificar textos inmorredoiros e achegalos á rapazada de hoxe en día.