O Concello continuará o seu Plan de mellora de rúas con obras en Concepción Arenal e Pintor Seijo Rubio

591

A conclusión dos traballos en Tomás Dapena e Alcalde Beccaría, nas que só falta a pavimentación, está pendente de que melloren as condicións meteorolóxicas.

O goberno local continuará o plan de melloras de vías nas rúas Concepción Arenal e Pintor Seijo Rubio,para completar así os proxectos executados na rúa Venezuela e os que se executan actualmente en Tomás Dapena e Alcalde Beccaría.

Trátase de dous novos proxectos que se contratarán proximamente dentro do Plan Complementario 2019 da Deputación Provincial nos que se investirán preto de 350 000 euros. En concreto, na rúa Concepción Arenal as obras consistirán na reordenación da rúa e a mellora da pavimentación cun custo de algo máis de 79 000 euros mentres que en Pintor Seijo Rubio os traballos alcanzarán os 255 000 euros. Renovaranse os servizos da rúa e na pavimentación, unhas obras similares ás realizadas noutras rúas de Betanzos.

O concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, explicou que os traballos que levan actualmente a cabo nas rúas Tomás Dapena e Alcalde Beccaría están practicamente concluídos a falta de que a empresa poida executar as obras de pavimentación. “As choivas destes días atrasaron as obras e poder finalizalas como era o noso propósito. A choiva vai atrasar a pavimentación que é, practicamente o única que resta do proxecto. Tan pronto como se poidan executar os traballos realizaranse estas”.

Nestas rúas melloráronse as beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, salvo nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, e actuarase nos pavimentos, na renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, no saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano.

Repuxéronse as beirarrúas e pasos de peóns e a sinalización viaria completa que inclúe as zonas de aparcadoiro e os pasos de peóns.

Renovouse todo o parque de sinalización urbana sobre postes metálicos así como no caso de papeleiras e morróns. Dotouse o viario de sinalización vertical, e sinalización horizontal. Colocáronse papeleiras de aceiro e pilonas tipo de morrón, nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión destes polos vehículos. No caso dos garaxes ou vaos existentes disporanse de tipo flexible.

Centro de saúde

Por outra banda, os servizos de obras iniciaron os traballos de mellora do firme situado diante do centro de saúde, que presentaba tramos levantados polas raíces das árbores. Tamén se realizarán labores de pavimentación cando melloren as condicións meteorolóxicas.