O Concello programa dúas campañas dentro das accións de prevención da violencia de xénero

433

O Concello únese no 2020 a dúas campañas de prevención da violencia de xénero. Por unha banda, á campaña Betanzos en Negro, dentro da plataforma xeral En Negro contra as violencias, no que participan 140 concellos galegos. Este é o cuarto ano no que o concello brigantino se suma á campaña, que trata de visibilizar a violencia que sofren as mulleres en colaboración co comercio, hostalería, tecido asociativo e centros educativos. No 2019, a convocatoria tivo unha gran repercusión, contando coa participación dunhas 130 entidades e/ou negocios.

Neste 2020, por mor da situación de crise sanitaria provocada pola COVID-19, a campaña realizarase principalmente a través de actividades en liña, evitando a concentración e lectura do manifesto de forma presencial.

Aínda así, permanecerá a entrega de diferentes materiais por parte do Concello aos locais e entidades que desexen adherirse. O prazo para a adhesión estará aberto dende o luns 9 ata o luns 16 de novembro, chamando ao 981770707, ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Como cada ano, convidarase ás persoas participantes a decorar os seus locais cos materiais entregados, e a realizar unha fotografía para difundir o seu compromiso  coa campaña a través das redes sociais municipais.

Por outra banda,  Betanzos participa tamén na campaña da Deputación Provincial da Coruña De fronte á violencia de xénero, que tamén se desenvolverá en liña, con actividades de sensibilización tales como lectura de poemas, recitais, contacontos infantís e palestras sobre civerviolencia, sexting, grooming ou violencia sexual na mocidade.