Betanzos renovará o sistema de funcionamento dos semáforos durante o primeiro trimestre do próximo ano

426

O goberno local programa para o primeiro trimestre do próximo ano a renovación de todo o sistema de funcionamento da rede de semáforos da cidade. Trátase dun proxecto que se incluíu no POS 2020 da Deputación e no que se investirán máis de 60 000 euros. Con esta actuación o goberno local busca renovar todos os equipos reguladores que son antigos e que nos últimos anos ocasionaron numerosos problemas, especialmente coincidindo con alteracións meteorolóxicas.

De feito, nestes momentos hai dous semáforos que nos que se necesitan substituír os módulos do equipo regulado, que sempre chegan con atraso porque se trata dun sistema antigo e “temos problemas de subministración”, explican desde a Concellería de Infraestruturas. É por iso que “se encargou o proxecto de renovación de todo o sistema para evitar problemas no futuro”.

Este proxecto completará outro que se acaba de levar a cabo que consistiu na mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización.

A actuación enmarcouse nun programa de mellora de seguridade que incluíu tamén a elevación dalgúns pasos, en varias rúas da zona centro; a instalación de sinais informativos con luces intermitentes, tamén en pasos próximos a zonas escolares, Malecón, Avenida Fraga Iribarne, Estrada de Castela (entre outras); e peticións a outras administracións, ao non ter competencia municipal sobre esas vías, para que colocasen bandas rugosas xusto antes dos pasos de peóns (antiga N-VI, por exemplo, na zona do Valdoncel).