O Concello de Betanzos, a través da área de Turismo, pon en marcha un proceso de recollida de información dirixido ao sector hostaleiro local co obxectivo de actualizar e reforzar a presenza dixital do destino na nova páxina web turística municipal.
Para participar no proceso de recollida de información prema AQUÍ:
Esta iniciativa forma parte da estratexia de mellora da promoción turística de Betanzos e ten como finalidade ofrecer a visitantes e potenciais turistas unha plataforma moderna, completa e actualizada que visibilice a oferta gastronómica e hostaleira do municipio.
O proceso de recollida de datos permitirá incorporar información detallada de bares, restaurantes, cafeterías etc. A participación do sector resulta fundamental para garantir unha representación fiel e actualizada da oferta local hostaleira.
Desde a área de Turismo anímase a todos os establecementos hostaleiros de Betanzos a colaborar nesta acción, que contribuirá a mellorar a visibilidade en liña do sector e a fortalecer o posicionamento do destino no ámbito turístico dixital. As persoas interesadas poderán participar cubrindo un formulario específico habilitado para este fin, na páxina web novas.betanzos.gal
O prazo de envío da información permanecerá aberto ata o 15 de marzo. Para calquera dúbida ou consulta, os establecementos poden poñerse en contacto coa área de Turismo a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 638 543 169.
Con esta acción, o Concello de Betanzos reafirma o seu compromiso co tecido empresarial local e co desenvolvemento dun modelo turístico colaborativo, sostible e orientado á calidade.










