O pasado venres 27 de febreiro, a Aula de Cultura Xulio Cuns acolleu o acto de homenaxe a Rosalía de Castro que, como cada ano, o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella celebran para conmemorar o nacemento da escritora.
Este ano, a gala de homenaxe “Rosalía, unha voz eterna”, contou coa participación de máis de 120 persoas, entre o alumnado dos centros de ensino do concello (CEIP Vales Villamarín, CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, IES As Mariñas e IES Francisco Aguiar) e diferentes representantes dalgunhas asociacións culturais como Lar de Unta, Eira Vella ou A Fuliada; ademais da colaboración de Pepe Dopico, un habitual neste acto, a quen agradecemos particularmente o seu esforzo e a súa ilusión ano tras ano.
O alumnado de 6º EP do CEIP Vales Villamarín ofreceunos a súa interpretación da canción “Negro Caravel”, mentres que 1º e 5º EP do CPR Nosa Señora do Carme nos deleitou co espectáculo “Rosalía, sempre viva”, que combinou danza con recitado. Desde os institutos de secundaria, tanto o IES As Mariñas como o IES Francisco Aguiar recitáronnos unha escolma poética de “Cantares gallegos” e “Follas novas”.
A seguir, María Doporto (AC Lar de Unta) achegounos un fragmento do artigo “Lieders”, considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia, mentres que Maricarmen Bello e Mariña Longueira (AC Eira Vella) nos leron o manifesto polo Día de Rosalía 2026, “Mais eles tamén perdidos”, escrito por Eva Veiga e publicado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Finalmente, a nota musical puxérona A Fuliada, que nos interpretaron o “Himno do Antigo Reino de Galicia” e o “Pasodobre de Sobrado”, e a regueifeira Alba María (tamén profesora no IES Francisco Aguiar), cun espectáculo de regueifa que combinou música, improvisación e moito humor. Pechamos a homenaxe coa actuación do coro do IES Francisco Aguiar, cuxas voces entoaron as cancións “Con tambores de mar” e “Rosalía dime”.
Á saída do acto, o público puido participar nun mural colaborativo colocado na entrada do Edificio Arquivo, para deixar as súas mensaxes de cariño e de agradecemento a Rosalía.
O Concello de Betanzos e a Asociación Cultural Eira Vella agradecen a todas as persoas participantes, aos centros de ensino e ás asociacións, a súa colaboración na realización desta homenaxe. Ata o ano que vén, e que viva Rosalía, a nosa voz eterna











