O Concello de Betanzos impulsa a iniciativa musical “Toca na casa” integrada polos membros da Banda Municipal de Música durante o confinamento.

586

O Concello de Betanzos impulsa a iniciativa musical integrada polos membros da Banda Municipal de Música durante o confinamento. As pezas audiovisuais publicaranse nas redes sociais municipais, tanto no Facebook (Concello de Betanzos), no Twitter (@BetanzosTanCerca) e Instagram (@betanzostancerca) ás 20:30 horas, logo de finalizar a rolda de aplausos de tributo ao persoal sanitario.

Inaugurou este “Toca na casa” o director da Banda Municipal betanceira, Juan Ferrer, intepretando ao clarinete a peza ‘Oblivion’, de Astor Piazzola. Está previsto que continúen durante o confinamento co resto de integrantes.

Nesta liña, o Concello xa traballa noutra serie de iniciativas para amenizar o confinamento da veciñanza. Estas accións iranse promovendo ao longo dos vindeiros días, unidas aos concursos “BetanHeroes” e “Debuxa desde a casa”.

Cartel da actividade #Betanheroes

O primeiro está enfocado a nenas e nenos entre 3 e 8 anos, e trata de enviar debuxos daqueles profesionais que están a ser superheroes nesta crise sanitaria: os heroes e as heroínas betanceiras. Deben enviarse como mensaxes directas ás redes sociais do Concello de Betanzos. O segundo, “Debuxa desde a casa”, xa fora promovido hai varias semanas e trátase de enviar as obras da rapazada durante o confinamento.

Todos aqueles e aquelas que participen levarán de premio unha camiseta do Concello de Betanzos.