O Concello homenaxea a Vicente de la Fuente, Xesús Fraga e a asociación de Mulleres Rurais Liafail

343

A Comisión de Nomenclátor aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno (PSOE) para pórlle o nome de Vicente de la Fuente ao edificio cultural San Domingos, dedicarlle o garelos da Cultura, o maior recoñecemento municipal, a Xesús Fraga, polo premio Nacional de Narrativa, e concederlle o premio Úrsula Meléndez de Texeda á Asociación de Mulleres Rurais Liafail, polo seu 25 aniversario.

 

 

Así o explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, quen explicou que se trata de recoñecer con estas distincións o labor, o traballo e a dedicación destes betanceiros. O primeiro, o de Vicente de la Fuente, que faleceu en decembro do pasado ano. Tal e como anunciara no seu día, o Concello porá o nome do exalcalde que gobernou o municipio entre 1979 e 1983, ao edificio que alberga o Museo das Mariñas, o Arquivo e a biblioteca municipal que pasará a denominarse Centro cultural San Domingos-Vicente de la Fuente.

María Barral considera que a figura do exalcalde debe “ter o seu sitio e recoñecemento na cidade póndolle o seu nome a un edificio que alberga unha parte moi importante do traballo realizado pola primeira corporación democrática que tivo en Vicente de la Fuente a súa cabeza visible, nun momento no que se puxo a base a parte dos servizos culturais que logo foron completando o resto de corporacións e alcaldes”.

A alcaldesa destacou tamén a colaboración que o Concello atopou sempre na figura de Vicente de la Fuente e a súa implicación e disposición en moitos actos institucionais. “Sempre se amosou colaborador e sempre estivo preocupado pola situación municipal. Implicouse, xunto ao resto de exalcaldes na celebración do 800 aniversario e noutros programas de carácter cultural, mostrando sempre e gran respecto pola institución, tendo sempre moi presente, por enriba de todo, a Betanzos e o seu futuro”.

Ademais, a comisión aprobou dedicar a máxima distinción municipal do Concello, o Garelo, neste caso de Cultura, a Xesús Fraga tras conseguir o Premio Nacional de Narrativa 2021, do Ministerio de Cultura pola súa obra Virtudes (e misterios), editada por Galaxia, na que relata a súa historia familiar, marcada pola emigración. Con este recoñecemento, o Concello pretende recoñecer a traxectoria literaria de Xesús Fraga “que sempre ten Betanzos presente e a quen, estou segura, quedan moitos máis éxitos e premios por chegar”, indicou María Barral. Co Garelo preténdese destacar os logros alcanzados ou a traxectoria de betanceiros, colectivos ou entidades en tres determinados ámbitos: Comercio e Industria, Cultura e Deportes.

Por último, a Comisión decidiu tamén dedicar o premio Úrsula Meléndez de Texeda, á Asociación de Mulleres Rurais  que cumpre o seu 25 aniversario. Con este premio o Concello pretende render un máis que merecido homenaxe, ano tras ano,  ás mulleres de Betanzos que “loitaron e loitan para reivindicar ou seu papel, vos seus dereitos, a base de esforzo, traballo e sacrificio”. O premio entregarase o próximo mes de marzo coincidindo cos actos do Día Internacional da Muller.