Betanzos suspende o programa de BetanJazz pola Covid-19, e ofreceraos en liña nos próximos días

575

O Concello suspendeu os dous concertos do ciclo de BetanJazz, que este ano cumpre nove edicións, previstos para hoxe venres, día 17 e para mañá sábado día 18.

Cun cartel máis reducido que outras edicións, tería como convidados na praza da Constitución a Ferni & Amigos e e Grupo Udra.

Trátase dunhas actividades que teñen como finalidade ofrecer, como cidade referente no sector cultural, unha serie de eventos, con capacidade limitada, como alternativa á veciñanza e apoiar de forma clara desde o Concello ao sector cultural, especialmente, a grupos ou colectivos vinculados á cidade.

Tendo en conta a situación xerada nos últimos días pola Covid-19, o Concello decidiu suspender a actuación de mañá e a de pasado e ofrecer nos próximos días en liña os dous concertos a través das súas redes sociais.

Á espera de coñecer a evolución e os datos que faga públicos Sanidade, que é a que ten a competencia na pandemia, o Concello confirmou este mediodía a cifra de nove positivos de dous brotes distintos. Séguenselle practicando probas á rede de persoas contaxiadas.

Mentres se segue colaborando con Sanidade en todos os protocolos establecidos á espera das decisións que tomen os seus responsables.

A alcaldesa, María Barral, enviou unha mensaxe de tranquilidade á vez que insistiu hoxe en pedirlle á veciñanza a máxima colaboración á hora de respectar as medidas de seguridade con relación á utilización de máscara, a distancia social e hixiene.

Betanzos suspendeu tamén a feira mensual do día 16 e tampouco realizará o vindeiro sábado o mercado de produtos de proximidade previsto na praza dos Irmáns García Naveira.

O Concello non descarta tomar outras accións para o que está á espera dos datos que vaia facendo públicos a autoridade sanitaria, neste caso, a Xunta. Puntualizou, como xa adiantou onte, que aínda que moitos veciños e veciñas de Betanzos se dirixen ao Concello para pedir “información e criticar, mesmo, que o Concello non dese máis información” o certo é que “neste tema a competencia exclusiva é de Sanidade e o Concello non dispón de máis información da que dispoñen os medios de comunicación. É máis, a información recíbese case sempre despois de ser publicada polos medios de comunicación”.

O goberno local tamén puntualizou que se seguen realizando “tarefas de limpeza e desinfección” do mesmo xeito que nas distintas fases da desescalada, e que os traballos que adoitan realizarse de madrugada.