Betanzos suspendeu, por seguridade, a feira do pasado día 16, debido aos positivos de COVID-19 das últimas horas

682
O Concello decidiu suspender unha das feiras mensuais, a do día 16. A decisión estivo baseada na situación xerada pola Covid-19 nas últimas horas. “Non se trata de alarmar, senón de ser responsable. Cremos que a situación xerada fai que teñamos que ser prudentes e responsables. Evitar actividades que poidan xerar a presenza dunimportante número de persoas, aínda que se cumpran os parámetros de seguridade, cremos que é o máis apropiado nestes momentos. Por responsabilidade e por prevención”, apunta o goberno local.
O Concello ten coñecemento a través de Sanidade, que é o órgano competente para tratar os casos de coronavirus, de seis persoas contaxiadas, catro dunha mesma familia e outros dous veciños que residen na mesma vivenda.
Estes dous casos non teñen relación algunha entre eles. Ante esta situación, o goberno local considera que do mesmo xeito que fixo “antes do estado de alarma, tomando decisións de peche de parques ou espazos públicos antes de que fose obrigatorio, neste caso tamén cre “necesario suspender unha actividade que leva aparellada a mobilidade que centos de persoas. Sabemos que esta decisión é un pao para moitos vendedores e que ten a súa afectación sobre a economía local, pero entendemos que é a decisión que temos que tomar nestes momentos”.
O Concello non descarta tomar outras accións para o que está á espera dos datos que vaia facendo públicos a autoridade sanitaria, neste caso, a Xunta. Neste sentido, puntualizou que aínda que moitos veciños e veciñas de Betanzos dirixíronse ao Concello pedindo “información e criticando, mesmo, que o Concello non dese máis información” o certo é que “neste tema a competencia exclusiva é de Sanidade e o Concello non dispón de máis información da que dispoñen os medios de comunicación. É máis, a información recíbese case sempre despois de ser publicada polos medios de comunicación”.
Desde o goberno local pídese tamén que “tendo en conta da situación” os veciños e veciñas extremen as medidas de distancia social, de hixiene e de uso de máscaras. “Temos que evitar que se produza un rebrote, por tanto, desde o goberno local faise un chamamento para respectar as medidas de seguridade. Todos temos responsabilidade en iso”, apunta o goberno local.
O goberno local tamén puntualizou que se seguen realizando “tarefas de limpeza e desinfección” do mesmo xeito que nas distintas fases da desescalada, traballos que adoitan realizarse de madrugada. A alcaldesa, María Barral, trasladou a decisión aos portavoces dos grupos políticos da oposición que tamén apoiaron a suspensión da feira.