O Concello entregarálle a próxima semana a Patrimonio a proposta técnica coas actuacións urxentes no pavillón do Pasatempo

961

O Concello remitirá a principios da próxima semana á Dirección Xeral de Patrimonio a proposta técnica que incluirá as actuacións necesarias para estabilizar o pavillón do estanque do Pasatempo. O persoal técnico especialista aquen o Concello lle encargou os traballos, ultima o documento que será enviado á Consellería de Cultura para que dea a súa autorización e poidan executarse os traballos.

Así llo comunicou hoxe a alcaldesa de Betanzos, María Barral, á directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, nun escrito no que a primeira edil pide tamén que unha vez recibida a proposta “se axilicen os trámites para que o Concello dispoña o máis rápido posible e dea a autorización e poidan iniciarse os traballos”.

María Barral explícoulle á directora xeral que a proposta técnica foi encargada unha vez que os técnicos de Patrimonio e os municipais visitaron a zona que estaba danada. Por mor desa visita e seguindo as recomendacións achegadas polo persoal técnico encargouse a elaboración da proposta técnica. A alcaldesa aproveitou a comunicación para trasladarlle a Patrimonio o seu malestar porque a única comunicación realizada por parte da Consellería de Cultura con relación a este asunto fose “a través dos medios de comunicación despois de que durante días a Alcaldía tentase porse en contacto, sen éxito, coa directora xeral. Sen que houbese comunicación oficial ningunha por parte da dirección de Patrimonio, e non parece de recibo que o único posicionamento deste organismo se realizase a través dos medios de comunicación”.

PLENO

Sobre a continuidade da sesión plenaria ordinaria do pasado martes 30 de outubro que tivo lugar onte a través dun pleno extraordinario, o goberno local explicou que, como quedaba claro na convocatoria e na propia sesión ordinaria do 30 de outubro” o que se facía era continuar o Pleno. Non era un monográfico sobre o Pasatempo, senón seguir o debate sobre as mocións presentadas no Pleno anterior no que xa houbo un exposición por parte de cada grupo e déronse as explicacións oportunas sobre o desprendemento”.

En ningún momento o goberno local evitou ou evita dar as explicacións oportunas nin falar da situación do Pasatempo. “O que pretende algún grupo político é desviar a atención e aproveitar a situación para sacar réditos electorais, cando o que tería que facer é apoiar a este goberno local nas súas reivindicacións e que por parte dunha administración como a Xunta, con responsabilidade clara e directa sobre o Patrimonio, se apoiase de forma decidida a recuperación do Pasatempo, con partidas económicas concretas como o fixo, por exemplo, a Deputación”.