Betanzos aproveitará a segunda fase do POS+ adicional da Deputación para construír unha pista cuberta de pádel na zona do Carregal. O goberno local explicou que para a zona están proxectadas diferentes actuacións en materia deportiva que se irán “desenvolvendo en función dos diferentes plans e programas de axudas das diferentes administracións”.
A pista cuberta de pádel, demandada por un amplo colectivo de veciños que practican este deporte, encaixaba, por características do proxecto e importe, nesta nova fase do plan de Obras e Servizos.
Situarase nunha parcela próxima á piscina exterior do complexo deportivo do Carregal sen afectar as edificacións xa existentes, e na súa construción investiranse algo máis de 150.000 euros.
O proxecto, que será presentado hoxe nun pleno extraordinario antes de ser remitido á Deputación, inclúe a construción dunha pista de pádel cuberta, co único uso de deportivo. Estará situada nas inmediacións da piscina exterior descuberta
As dúas instalacións funcionarán de forma independente, para o que se creará un novo acceso para a pista de pádel e construirase un valado que impida o acceso aos usuarios da pista de pádel ao vaso da piscina.
Os vestiarios da piscina, que se atopan en boas condicións, serán de uso compartido polos usuarios de ambas as instalacións.
Constructivamente, a pista estará formada por unha laxa de formigón armado sobre a que se asentarán a estrutura metálica que soportará a cuberta e o valado perimetral da pista. Este valado estará formado por un armazón metálico con cerramento de malla metálica ou vidro de seguridade segundo zonas. A cuberta estará formada por chapa curvada.
En canto instalacións, a pista constará cun sistema de recollida das augas pluviais, que as conducirán á rede de pluviais municipal, e con iluminación artificial. No deseño seguíronse as indicacións da Normativa sobre Instalacións Deportivas e de Esparexemento de Consello Superior de Deportes e da Federación Española de Pádel.
Á marxe desta actuación, o goberno local expuxo tamén á Xunta a construción doutras instalacións nunha reunión mantida hai uns meses co secretario xeral para ou Deporte, José Ramón Lete, como un skaterpark, un novo pavillón e un pump track.











