O Concello facilita o transporte de persoal facultativo do centro de saúde a domicilios da veciñanza para facer seguimentos médicos

530

O Concello facilitaralle ao persoal facultativo do centro de saúde un servizo de transporte aos domicilios das persoas usuarias para facer o seguimento sanitario. Así o anunciou hoxe alcaldesa, María Barral, quen indicou que esta colaboración forma parte das medidas postas en marcha polo Concello para achegar axuda a aquelas persoas que neste estado de alarma a necesitan e o “seguimento médico é unha delas”.

Esta colaboración co centro de saúde e o PAC de Betanzos tamén se estende nos labores de desinfección levados a cabo nas últimas horas e na entrega de medicamentos a través de Protección Civil. De feito, un dos programas onde se están a facer maiores esforzos é o de voluntariado e o de colaboración entre os Servizos Sociais e a Cruz Vermella.

Neste sentido, para atender calquera necesidade e, de forma especial, as que poidan ter persoas que vivan soas nas súas vivendas ou que estean nunha situación de especial vulnerabilidade o Concello habilitou o 981 774 742.

Faise tamén un chamamento  para que a veciñanza que detecte algún caso no que “algunha persoa necesite axuda ou colaboración ante a situación extraordinaria que se está a vivir se poña en contacto cos Servizos Sociais no teléfono 981 770 707 a calquera hora do día ou ben ao de atención permanente 981 774 742.

Ademais, estase a reforzar o servizo  de teleasistencia por se hai circunstancias especiais dalgunha persona que o poida necesitar e os servizos de acompañamento de persoas que vivan soas e poidan necesitalo para desprazarse ao centro de saúde a recibir tratamentos como o sintróm.