Servizos Sociais pon en marcha unha campaña dirixida a maiores con recomendacións para o confinamento e fichas para exercitar a memoria

734

O goberno local iniciou unha nova campaña dirixida ás persoas maiores que inclúe unha serie de recomendacións sobre a Covid-19 para este colectivo, unha campaña que se completa con 20 fichas para exercitar a mente e memoria durante este mesmo período. O traballo, feito polos Servizos Sociais municipais, será difundido a través das redes sociais e a paxina web do Concello para que os familiares ou a veciñanza poida “facerllo chegar ao colectivo de maiores e, de forma especial, a aqueles e aquelas que viven soas”. Pola súa banda, dende Servizos Sociais entregaráselles ás persoas que participan nos obradoiros de memoria que organiza o Concello, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

Entre as recomendacións, faise especial fincapé en coidar a hixiene, a gardar a distancia de seguridade con outras persoas; utilizar máscaras as persoas que estean contaxiadas; non acudir ao centro médico, contactar por teléfono e, no caso de ter síntomas de febre ou insuficiencia respiratoria chamar ao 900 400 116; manter o contacto cos familiares chamando por teléfono á familia todas as veces que precise para saber como están; movernos, realizando sempre algún exercicio físico entro da casa como pequenos estiramentos ou camiñar polo corredor para manter activos os músculos; distraer a mente, ver a televisión ou escoitar a radio para manterse informados mais tamén buscar outras actividades para non pensar sempre no mesmo como ler o facer pasatempos.

Tamén se fai fincapé en ficar na casa, realizar desprazamentos mínimos á rúa para ir a compra e evitalos se ten problemas de saúde previos como hipertensión, diabete, problemas respiratorios ou de corazón etc.

Pídeselle ás persoas maiores que confíen na veciñanza, nas persoas que estean máis preto, que son o círculo de confianza nestes momentos, coas que hai que compartir as preocupacións e necesidades.

Dende o servizos sociais lembran que o Concello “é o teu amigo” ao que poden chamar para atender calquera tipo de necesidade no teléfono 981 77 07 07.

Para descargar as recomendacións sobre a Covid-19 e as 20 fichas para exercitar a mente e memoria. prema aquí