O parque do Pasatempo sufriu diversos danos nas zonas verdes como consecuencia da presenza de xabarís

548

Os servizos municipais revisaron as instalacións, que permanecen pechadas polo estado de alarma, para valorar os danos. Tamén revisarán o peche metálico que rodea o parque para substituír o tramo polo que accederon os xabarís ao recinto. É a primeira vez que os xabarís ocasionan danos nesta zona.

O Concello solicitoulle o ano pasado a Medio Ambiente actuacións concretas en varias zonas de Betanzos tendo en conta das importantes desfeitas e danos, reforzando a petición que tamén realizou a propia veciñanza afectada á Xunta xunto coa presentación dunha recollida de sinaturas.

María Barral trasladoulle no seu momento ao servizo de Patrimonio Natural os problemas que “están a sufrir os veciños e veciñas pola presenza de xabarís e os danos que ocasionan nas súas plantacións agrícolas”, solicitándolle que poidan atender as peticións que a propia veciñanza lles achegou a través da recollida de sinaturas para que a Consellería de Medio Ambiente poña en marcha medidas necesarias para o control da poboación de xabarís e poder establecer as axudas económicas compensatorias polos danos provocados ante a continua incursión destes animais nas parcelas de cultivo.

A zona afectada linda co espazo natural protexido da Rede Natura 2000, na desembocadura dos ríos Mendo e Mandeo, un lugar considerado zona de especial conservación pola súa fauna, “o que prohibe a caza e fai que os xabarís se refuxien nela”.