O Concello imporalle sancións á propietaria da Fábrica da Luz mentres non acometa os traballos de seguridade e protección ordenados no edificio

1042

O Concello abriu un expediente sancionador á sociedade mercantil “General de Edificios y Solares SL”, propietaria do inmoble coñecido como Fábrica da Luz, no que lle impón unha multa coercitiva de 5000 euros polo incumprimento da orde de execución ditada por decreto da Alcaldía de xaneiro deste ano. En caso de seguir incumprindo este Decreto, imporanse novas sancións que irán de 1000 a 10 000 euros reiterables trimestralmente ata lograr a execución das obras ordenadas polo Concello.

O expediente sancionador ábrese despois de que a Policía urbanística comprobase que non foi executada a orde na que se esixía á empresa proceder á execución de diversas actuacións de seguridade e protección. O Concello trasladaba a orde o pasado mes de febreiro dando un prazo de dous meses de prazo ás persoas propietarias para acometer as obras, despois de recibir a autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha vez incoado, en xuño de 2017, o expediente de inclusión do edificio no catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

Este novo incumprimento súmase ao do 24 de febreiro de 2017. Precisamente, o feito de que desde febreiro de 2017 non se realizase actuación algunha no inmoble, levou ao Concello para abrir en febreiro deste ano un segundo expediente cunha serie de actuacións que varios meses despois seguen sen executarse. A situación obriga ao Concello a abrir un expediente sancionador con base á Lei de Solo de Galicia, de execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas reiterables ata lograr a execución das obras ordenadas, que pode derivar tamén na execución subsidiaria das actuacións.

A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello non vai “tolerar que a situación continúe igual” e que adoptará “as medidas que teña na súa man para que a empresa propietaria do inmoble realice o que o persoal técnico considera que debe executar para garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación”. O Concello insistiu no seu último requirimento na necesidade de retirar elementos soltos e disgregados, entre os que se atopaban canalóns de recollida de augas, ademais de apontoar e reforzar diversas zonas sólidas do edificio, entre elas, o interior da estrutura principal e secundaria co fin de evitar derrubamentos parciais como se produciron anteriormente e garantir a seguridade, estabilidade e protección da edificación.

Estes apontoamentos deberían ser executados por unha empresa especializada na materia e baixo a dirección e supervisión dun técnico responsable competente. Tamén tería que delimitar e valar sobre a vía pública mentres non se adoptasen estas medidas. Estas actuacións axústanse ás determinacións recollidas na autorización outorgada pola Dirección Xeral de Patrimonio na que explicitamente se dá o visto e prace ás obras para garantir e manter as características e elementos singulares do edificio.