Reunión da Comisión de seguimento do Covid-19

614

A alcaldesa, María Barral, mantivo unha nova xuntanza da comisión de seguimento do Covid-19 na que se informou sobre a apertura de sancións da Policía Local á veciñanza que salta o estado de alarma. Nos últimos días impuxéronse catro sancións.

Dende o Concello faise un chamamento para que a xente quede na casa e cumpra o estado de alarma. Canto á Policía, tendo en conta as chamadas recibidas no Concello da veciñanza denunciando a presenza de persoas pola rúa, farase un maior control.

A primeira edil indicou que se segue a prestar con normalidade o servizo de axuda a domicilio e o programa de axuda a persoas que estean soas para achegarlles alimentos ou medicación, un programa que o Concello está a desenvolver xunto a Cruz Vermella. A maiores, tamén se está a colaborar co PAC de Betanzos para levar medicamentos aos domicilios.

O Concello reforzou tamén o servizo de teleasistencia, e anunciou tamén a incorporación de catro auxiliares de Policía que lle solicitou á Xunta.

Tamén mantén o servizo de limpeza viaria, que reforzou nos últimos días, ampliando as zonas de desinfección nas rúas, as prazas e o mobiliario urbano a través de Protección Civil.

A alcaldesa valorou e agradeceu  a colaboración de distintas empresas co Concello canto á cesión de distinto material que está sendo utilizado polos servizos de axuda no fogar. Tamén se está a colaborar coa residencia da terceira idade e co centro Pai Menni.