O Concello de Betanzos incorporará ao seu patrimonio municipal un total de 13 parcelas de solo urbano tras culminar as negociacións mantidas coa Sareb para a cesión gratuíta destes terreos situados no ámbito de execución urbanística delimitado entre a avenida Jesús García Naveira e O Rollo.
A alcaldesa, María Barral, explicou hoxe que o acordo permitirá ao Concello pasar a ser propietario de 13 parcelas que suman en conxunto máis de 1.600 metros cadrados de superficie. Trátase de terreos incluídos nun plan especial pendente de desenvolvemento urbanístico.
A operación conta cos correspondentes informes xurídicos favorables. Os seguintes pasos serán a elevación do acordo a escritura pública e a posterior inscrición dos bens tanto no inventario municipal como no Rexistro da Propiedade.
Unha vez completados estes trámites, o Concello pasará a formar parte da Xunta de Compensación do ámbito urbanístico na porcentaxe que lle corresponda para posteriormente rematar a execución da urbanización coa construción de viarios e a dotación de servizos básicos como abastecemento de auga, saneamento e iluminación pública, unha actuación que levaba varios anos paralizada.
A alcaldesa valorou moi positivamente o acordo acadado coa Sareb e destacou especialmente as posibilidades que abre para o impulso de vivenda de promoción pública na cidade. “Para Betanzos é unha oportunidade moi importante porque nos permitirá dispoñer de solo público nunha zona céntrica, nun ámbito estratéxico de crecemento da cidade, e avanzar nun obxectivo prioritario como é facilitar o acceso á vivenda”, sinalou María Barral.
A rexedora subliñou ademais a necesidade de impulsar este tipo de promocións residenciais no municipio. “Betanzos carece actualmente de vivenda de promoción pública desde hai anos e existe unha demanda crecente, especialmente entre a xente nova e as familias que buscan desenvolver aquí o seu proxecto de vida. Por iso consideramos fundamental aproveitar todas as oportunidades que permitan incrementar o parque público de vivenda e favorecer o acceso a prezos accesibles”, engadiu.











