O Concello de Betanzos celebrou a primeira reunión conxunta cos concesionarios dos postos do novo Mercado Municipal do Casco Histórico, unha das actuacións máis importantes desenvolvidas nos últimos anos nesta zona da cidade dentro do proceso de recuperación e revitalización urbana impulsado polo goberno local.
A reunión serviu para coordinar e avanzar en cuestións organizativas e no futuro funcionamento conxunto do mercado, concibido como un novo espazo comercial, gastronómico e social de referencia para Betanzos.
No encontro participaron representantes municipais e os adxudicatarios dos distintos espazos. Tras quedar deserto o primeiro proceso de licitación pública para a concesión dos postos, o Concello iniciou unha rolda de contactos directos con persoas e empresas que previamente amosaran interese por instalarse no mercado. Froito dese traballo, nestes momentos xa están ocupados 10 dos 12 postos dispoñibles.
Aos tres espazos que xa foran adxudicados hai semanas —destinados a produtos gourmet e dous establecementos de hostalaría— sumáronse esta mesma semana as concesións da cafetería da planta baixa con terraza exterior, a cafetería da planta superior, outros dous postos de hostalaría e os correspondentes a carnicería, peixaría e panadaría.
O novo mercado municipal contará así cunha combinación de oferta tradicional e gastronómica, seguindo o modelo formulado polo Concello desde o inicio do proxecto: integrar postos de produto fresco e de proximidade con novos espazos vinculados á restauración e á dinamización social e turística do casco histórico.
A alcaldesa, María Barral, destacou a resposta obtida por parte dos profesionais nesta nova fase e mostrouse convencida de que o mercado “será un elemento clave para seguir revitalizando o casco histórico e xerar actividade económica e social nunha das zonas máis emblemáticas da cidade”.
Barral lembrou que a recuperación do edificio “forma parte da aposta do Concello por recuperar patrimonio histórico para poñelo ao servizo da cidadanía e dinamizar o casco histórico”, sinalando que esta actuación foi posible grazas á captación de fondos europeos destinados a proxectos de rexeneración urbana.
A rexedora incidiu en que o obxectivo do goberno local é que o mercado se converta “nun espazo vivo, atractivo e de referencia tanto para veciños e veciñas como para visitantes”, combinando oferta gastronómica, comercio de proximidade e actividades vinculadas á dinamización do casco antigo.










