O Concello potencia as desinfeccións e fortalece os seus programas de atención a maiores mentres suspende actividades extraescolares e culturais

324

O Concello potenciou o programa de desinfeccións de espazos públicos en todo o municipio. Os labores realizábanse de forma continúa aínda que durante os últimos días, ante o incremento do número de casos positivos pola Covid, o Concellería de obras reactivou o programa “de actuacións intensivas que xa se realizou en varias fases da pandemia”, explicou o concelleiro Diego Fernández. Trátase de desinfeccións en parques, prazas, xogos infantís, colectores etc. Tanto da zona urbana como da zona de rural, un programa que se completará co de limpeza viaria.

Ademais desta actuación e unha serie de accións no ámbito da seguridade e en aspectos sociais de atención a persoas afectadas, fortalecendo as actuacións que xa viñan realizando por parte dos servizos municipais, a alcaldesa, María Barral, indicou que trasladou á Xunta a súa “colaboración en todas aquelas actuacións que considerasen necesarias” e ofreceu  instalacións municipais  para que os sanitarios “poidan realizar aqueles labores que consideren necesarias como, por exemplo, a vacinación unha vez que se inicie o programa”. Trátase de buscar liñas de colaboración para pór todos os servizos que están ao noso alcance a “disposición das autoridades sanitarias para atender á veciñanza de Betanzos”.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa anunciou que tras a entrada en vigor do peche perimetral, o goberno local tamén tomará unha serie de medidas como a aprazar as actividades culturais previstas para os días 22 e  30 deste mes, así como as actividades extraescolares en aplicación das restricións decretadas pola Xunta segundo o disposto no Diario Oficial de Galicia. Tamén se suspenderán as actividades grupais na piscina municipal e nos centros sociais municipais.

Á espera da evolución dos datos nos próximos días, o goberno local avanzou tamén que ten previsto suspender a feira do día 1 de febreiro.

A primeira edil mantivo nas últimas horas unha reunión de coordinación con Servizos Sociais, Policía Local e Protección Civil para analizar diversos protocolos de atención ante o aumento do número de casos positivos. Neste sentido, trasladoulle tamén a colaboración do Concello a través de todos servizos aos responsables do Centro Pai Menni “cun importante número de persoas afectadas”.

Mantéñense os servizos de atención por parte do Concello, co programa de chamadas que realiza Servizos Sociais ás persoas maiores do municipio e os teléfonos de atención de Protección Civil “para atender calquera necesidade que se produza, especialmente, de persoas maiores que vivan soas”.