Betanzos, 17 de xaneiro de 2018. O Concello incluíu nas obras do Plan único de Concello POS+2018 as obras de mellora coas que pretende solventar problemas que afectan a varios edificios e instalacións de carácter público-colectivo. Afectan de forma parcial e estes bens e teñen carácter de obras menores ao non incidir nin no deseño nin á estrutura destas. En concreto se desenvolverán no edificio Liceo; claustro do antigo convento de San Domingos e cine Alfonsetti.
Os edificios obxecto das actuacións son bens catalogados e é obriga dos seus titulares velar pola súa conservación e mantemento, e por mellorar no posible as súas prestacións para o seu correcto uso, sempre xustificadamente e con respecto pola herdanza recibida.
Así, no cine Alfonsetti os traballos centraranse tanto no pavimento do mesmo como no corredor pegado ao claustro de San Domingos. O pavimento de formigón pintado da sala do Cine presenta un cambio de aspecto e cor con manchas esbrancuxadas xeneralizadas e outras máis localizadas de graxa, así como algunha greta de movemento.
Neste sentido, repararanse as gretas con morteiros e para eliminación da capa superficial lixado con diamante ata obter unha capa limpa e fina. Por último, aplicarase unha pintura epoxi da mesma cor que a orixinal, e ao mesmo tempo aplicarase este mesmo acabado ao rodapé metálico, que previamente haberá que decapar e imprimar.
Para levar a cabo estas actuacións será necesario levantar, almacenar e recolocar o conxunto de butacas da platea da sala.
Trátase de recuperar a imaxe do conxunto que tiña a sala tras a última intervención de rehabilitación da que foi obxecto.
Claustro
En canto ao claustro de San Domingos propóñense algunhas actuacións previa ao pintado do claustro, e á hora de elixir materiais contar con aqueles que permitan a transpiración dos muros e manter e recuperar o seu aspecto orixinal.
As tarefas que se propoñen pódense resumir nas seguintes: repasar os canles de recollida de auga e substituír as baixantes por outras de cinc, resolvendo correctamente o encontro entre ambos os dous; limpar e repasar o material das xuntas da pedra da cornixa intermedia, e destas co paramento vertical; picar e retirar o revestimento de morteiro de cemento nos entrepanos da planta baixa; aplicar reboco a base de cal natural en substitución do morteiro de cemento.
Claustro de San Domingos
Con estes tratamentos conséguese que o revestimento exterior do muro sexa permeable, permita o paso da vapor de auga e as sales solubles, que ao poder saír cara ao exterior liberan de humidade a cara interior. Todas as actuacións entran dentro da definición de mantemento, conservación e restauración, e non afectan á estrutura da edificación.
Liceo, novas portas de entrada ás oficinas
No edificio Liceo as obras inclúen a reparación da fachada na que se sitúa o acceso á planta principal, con unha humidade que chega ao interior e está cun enfoscado de cemento e unha pintura non permeables.
Para completar esta actuación e favorecer o acceso fácil a todas as persoas xorde a conveniencia de substituír o sistema de portas abatibles de acción manual existentes por portas automáticas corredoiras de acceso as oficinas municipais.
Dunha análise inicial, dedúcese que o edificio precisa dunha intervención xeral que afronte a mellora do illamento e impermeabilización do conxunto de cuberta e fachadas. As obras que se propoñen céntranse en tres puntos pero pretenden ser o inicio de futuras intervencións. En concreto preténdese paliar o efecto invernadoiro do lucernario, recortando a temperatura interior, tratar o paramento da fachada de entrada á planta alta polo interior e dos entrepanos da fachada sur polo exterior. As propostas de actuación resúmense na seguinte relación:
No lucernario: para determinar as actuacións neste elemento téñense valoradas varias opcións alternativas co mesmo propósito de mellorar o seu comportamento térmico . A primeira posibilidade sería a de substituír o material do actual lucernario, pranchas de policarbonato, por outro máis eficiente canto a transmitancia calorífica; unha segunda opción para considerar sería instalar un sistema de protección superior, orientable e mecanizado que controlara o paso de luz e calor segundo as necesidades , e, por último, crear filtros sinxelos de aplicar que reducirán os efectos que provoca o exceso de radiación.
Lucernario do edificio Liceo
Valoradas as diferentes opcións óptase pola terceira en tanto que con ela se consegue cun menor investimento e cunha intervención totalmente reversible un bo rendemento. Sobre todo considerando a dimensión do lucernario que de substituírse ou cubrirse obrigaría a solucións complexas que afectarían á cuberta. Concrétase a proposta na aplicación dunha laca reflectante pola cara exterior que garante a diminución de temperatura en 6-7 graos no interior respecto da orixinal, e na instalación dun “tamiz” na cara interior que transforme a imaxe industrial actual do lucernario nun rico xogo de luz e sombra.
Para a definición deste “tamiz” recorrerase a un oficio artesán e tradicional de Betanzos que hoxe está case que desaparecido, a cestaría con vimbia, e para a súa materialización contamos coa colaboración da profesional Idoia Cuesta, unha especialista nada no País Vasco e afincada, segundo ela mesmo conta “nunha zona de Galicia declarada Reserva da Biosfera”.
En calquera caso pódese entender coma a substitución das cortinas/estores existente que resultan ineficaces e agora mesmo inservibles.
No interior do muro de fachada de entrada. Dada a afectación xeneralizada do paramento proponse o seu saneado co raspado, lixado e picado das capas de revestimento ata descubrir a cachotaría e sobre esta aplicar un reboco de cal natural de 1-2 cm que é de permeable e rematar cun acabado fino, de 2-3 mm do mesmo material. Con esta proposta conséguese a transpiración do muro e con isto o paso do vapor de auga que acaba por evaporarse sen exercer presión sobre o revestimento.
Na fachada sur: eliminar as capas de pintura existentes cos medios necesarios, limpeza, raspado, lixado, chorreado, e aplicar unha pintura ao silicato que permite así mesmo o paso do vapor de auga. Con esta opción se atrasa en gran medida a aparición de manchas na superficie.
Na planta baixa, na entrada ás oficinas municipais: substituír o peche exterior das oficinas formado por paramento lixeiro con portas abatibles de xiro vertical e fixos, por unha carpintería de aluminio e vidro con cámara ca instalación de portas corredeiras que permitan o paso cómodo a todas as persoas, e de paso potencien a transparencia cara ao interior e a percepción da entrada dende o interior.
O obxecto das actuacións é polo tanto restaurar en puntos deteriorados, mellorar a eficiencia e a accesibilidade.













