O goberno local reclámalle á Xunta medidas urxentes para mellorar a seguridade na estrada que une Betanzos e Abegondo en Guiliade e Montellos

431

O goberno local pretende que a Xunta mellore a seguridade viaria, despois de anos de espera, a estrada AC-542 que une Betanzos con Abegondo, en diferentes tramos. Neste sentido, propúxolle onte ao Pleno a adopción de diversos acordos para dirixirse á Xunta. Entre eles, pedirlle que proceda a considerar o tramo da AC-542 PK 4+198 ao PK 4+828 en Guiliade, como travesía e, en consecuencia, limitar a velocidade de circulación permitida a 50 km/h en lugar dos 70 km/h que figura na actualidade. Trátase dun núcleo no que se atopan 43 parcelas, das cales 23 contan con acceso de vehículos e no cal se deron varios accidentes graves, tendo ademais en conta que esta vía se entronca coa estrada provincial DP-0810 e polo tanto o Concello considera necesario reducir a velocidade.

No ano 2017 o goberno local solicitoulle á Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda a adopción de medidas para levar a cabo a construción dun camiño seguro ata o centro Pai Menni e, posteriormente incidiuse neste aspecto e na necesidade da construción dunha pasarela peonil en Infesta, concretamente sobre a ponte do Ferrocarril. Este proxecto está redactado e está dende o ano 2019 na Oficina de Planificación da Axencia Galega de Infraestruturas, pendente da orde política de acometer a obra, polo que se instou á Xunta a facelo.

Por último, pediulle á Xunta que sinalice e leve a cabo as accións necesarias para eliminar os perigos existentes no cruzamento de Montellos da estrada AC-542. Foron múltiples as peticións realizadas ante a Xunta para que se adoptasen medidas de seguridade no cruzamento de Montellos, cruzamento considerado como outro punto delicado polo entronque coa estrada DP-0105 e no que se deron varias colisións sen que o Goberno galego se adoptase ningunha medida ata a data de hoxe, a maiores de retirar uns sinais colocados polo Concello nos que se advertía do cruzamento perigoso.