Problemas nos horarios, falta de información, anomalías no servizo de transporte escolar… Foron algúns dos problemas que durante estes días algúns veciños e veciñas, usuarios de liñas de transporte, lle trasladaron ao Concello coincidindo con inicio dos servizos por parte dunha nova empresa concesionaria.
Ante esta situación, a alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión con representantes da concesionaria para trasladarlles o malestar do Concello ante estes problemas e solicitarlles que, na medida do posible, fosen resoltos, consciente “de que durante estes primeiros días é ata certo punto normal que se puidesen producir problemas”.
A primeira edil expúxolle aos representantes da empresa algúns dos problemas detectados nas liñas regulares como a falta de información sobre horarios ou que mesmo, en determinadas frecuencias “houbese atrasos ou, algún día, as persoas usuarias, á primeira hora, quedasen sen transporte”.
Canto aos centros escolares os problemas centráronse modificación de frecuencias, modificación de paradas, de roteiros, novos autobuses e algúns deles sen ningún logotipo conducidos por traballadores que ignoraban onde estaban as paradas e, nalgúns casos, con condutores que, por descoñecemento, esixiron pagamentos de billete ao alumnado de ESO que non lle correspondía. Estas queixas foron trasladas á alcaldesa por parte de responsables dos centros educativos e hoxe postas en coñecemento da empresa.
Os seus responsables indicaron que se deberon en gran medida á falta de información xa que aínda que o servizo foi iniciado o 23 de decembro ata o 8 de xaneiro non comezaron as clases co cal “houbo problemas derivados desta situación”.
Estas incidencias tamén foron abordadas pola empresa coa dirección dos centros e nestes momentos “xa están en fase de solución”. A primeira edil destacou a boa vontade amosada pola UTE concesionaria para que “no menor tempo posible se normalice o servizo e se eviten os inconvenientes que sufriron as persoas usuarias tanto do servizo ordinario como os do servizo escolar”.