O Concello adxudica o primeiro plan de mobilidade urbana sustentable que inclúe o deseño de zonas peonís e creación de carril bici

429

O Concello acaba de adxudicar a redacción dun Plan de Mobilidade coa intención de programar e implantar de forma paulatina actuacións que permitan mellorar os desprazamentos dentro da cidade.

 

 

As actuacións incluirán, entre outras, actuacións de promoción da mobilidade peonil (peonalizacións e restricións de tráfico); implantación de Plan director da bicicleta co deseño de itinerarios seguridade pola zona urbana, carril bici, rede de aparcadoiros; e a ampliación do camiño escolar seguro.

A alcaldesa, María Barral, indicou que se trata dunha aposta por mellorar a seguridade e a mobilidade cunha primeira fase de diagnose e deseño das actuacións que tamén incluirán aspectos relacionados con aparcadoiros disuasorios para liberar prazas no centro e regular zonas de carga e descarga; unha reordenación de tráfico con actuacións de limitación de velocidade a zonas 30 e áreas de prioridade residencial; ou o deseño de novas áreas vinculadas ao transporte público.

Todo encamiñado a buscar unha nova mobilidade ou a mellorar os desprazamentos no actual deseño para facer compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, desta forma, unha mellor calidade de vida.

Os principais beneficios que se busca co deseño deste Plan de mobilidade urbana sustentable son: diminución de atascos, conxestión, ruído, contaminación atmosférica, accidentes; diminución do consumo de enerxías non renovables, promovendo o uso doutras enerxías máis limpas; mellora dos servizos de transporte público; mellora das condicións de accesibilidade e a mellora da calidade do medioambiente urbano.

Para optimizar a circulación no viario existente, principalmente nas zonas conflitivas, deseñarase un programa integral de tráfico que englobe tamén a optimización dos sentidos de circulación, cruces, interseccións, accesos, semáforos e tráfico de mercadorías.